Táctil, sonora e olfativa. Así é “A alfombra máxica” de Teatro Babaluva. E así poderá comprobarse no desenvolvemento deste espectáculo o vindeiro sábado 5 de outubro ás 11:30h. na Biblioteca Florencio Delgado Gurriarán do Barco.
Trátase dun espectáculo sensorial dirixido principalmente a bebés (0-3 anos) e recomendado para “o seu desenvolvemento sensorio-motriz. Un espazo creado para o xogo e o movemento libre onde os participantes entran a descubrir a contorna a través dos sentidos”, tal e como se adianta dende a biblioteca barquense.
Esta actividade de dinamización está incluída no programa “Ler Conta Moito” e terá un máximo de 15 prazas. A inscrición pdoerá realizarse na Biblioteca Pública, ata o venres 4 de outubro.