
Cambios importantes no prego de concicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia. Así se recolle no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que vén de publicar o regulamento de execución da Comisión polo que se aproba a modificación da normativa desta IXP.
Un dos cambios que se produce é a ampliación da área de produción e envasado deste produto, que a partir de agora abarcará todo o territorio da comunidade galega. Ata o de agora, este selo só permitía o cultivo e envasado de patacas en catro subzonas de produción: Bergantiños (A Coruña); Terra Cha – A Mariña (Lugo); Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense).
Por outra banda, ademais da variedade Kennebec, que era a única admitida ata agora, tamén poderán acollerse á certificación de calidade da IXP as variedades denominadas Agria e Fina de Carballo, aumentando deste xeito as posibilidades de produción.
Independentemente da variedade de que se trate, as patacas acollidas a esta indicación xeográfica teñen unha pel de aparencia lisa e fina e caracterízanse por unha textura firme ao tacto, cremosa ao ser cocidas e consistente na boca. A súa calidade para o consumo é excelente, destacando polo seu contido en materia seca e por manter as súas calidades de cor, aroma e sabor despois de ser cociñadas.
Segundo os datos rexistrados polo Consello Regulador da IXP Pataca de Galicia, este selo facturou o ano pasado 4,7 millóns de euros, ao comercializar 4.750 toneladas deste produto. Actualmente están inscritos un total de 79 produtores e 10 almacenistas, que cultivan preto de 300 hectáreas, tal e como indica a Consellería do Medio Rural.
Coa modificación do seu prego de condicións a IXP Pataca de Galicia busca darlle un impulso ao sector e reforzar a comercialización deste produto tan senlleiro do agro galego.