SanidadeÚltima hora

A área sanitaria ourensá recibe a 59 estudantes de enfermería que inician o seu primeiro curso

Cunha nota de corte este ano de 10.940 puntos o acceso a Escola U. de Enfermería de Ourense esta cada vez máis limitado aos expedientes académicos máis brillantes

 

O xerente e a directora de enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Félix Rubial e Beatriz Cabanelas, xunto á directora Escola Universitaria de Enfermería, Milagros Fernández, e parte do equipo directivo deron a benvida hoxe no Hospital Universitario de Ourense aos cincuenta e nove estudantes que iniciarán este ano o seu primeiro curso.

O alumnado da futura promoción 2023-2027 desenvolverán a súa formación entre as aulas da escola, no edificio Santa María Nai e no campus de Ourense, e nos diferentes servizos do Hospital Universitario de Ourense e Centros de Saúde docentes, nun plan de estudos eminentemente práctico cada día máis esixente no académico, cun acceso limitado aos alumnos con notas máis sobresaintes. Este ano a nota de corte para EUE de Ourense foi de 10.940.

No grupo de estudantes deste curso a presenza feminina continúa a ser amplamente maioritaria e salvo dúas alumnas, de Madrid e Bilbao, todas proceden de Galicia.

Ademais da esixencia no académico, a filosofía dos estudos de enfermería pasan pola formación en calidade e no coidado humanizado e igualitario. Como explicou a súa directora, Milagros Fernández, “Traballamos con persoas. Estamos no nacemento e tamén as acompañamos no final da vida” por elo é imprescindible a perspectiva social e humana. A directora tamén os chamou a asumir unha actitude crítica e reflexiva, fronte á realidade que os rodea, e a facer da súa profesión un instrumento visible desta actitude, acompañada sempre do saber científico.

 

 

Grandes perspectivas laborais

A directora de Enfermería da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Beatriz Cabanelas, felicitou aos novos alumnos e encomiou a súa elección -“Tedes elixido ben. É unha carreira bonita, complicada, pero tamén cunhas expectativas de futuro fantásticas: É rematar e ter un mundo laboral aos vosos pes, cada vez máis amplo e con máis eidos nos que aplicar os nosos coñecementos” dixo.

O xerente abondou tamén nas altísimas perspectivas laborais da enfermería neste intre, e destacou o gran momento que está a vivir a profesión. “A enfermería está vivindo unha auténtica explosión de éxito” dixo, poñendo en valor o papel esencial da enfermería durante a pandemia, o que contribuíu a potenciar a súa visibilidade e valoración pública.

Tanto as responsables de enfermería, como o xerente da Área Sanitaria, coincidiron igualmente no imprescindible exercicio humanístico e social da enfermería, e destacaron que por riba da aprendizaxe de técnicas e procedementos, traballaran en directamente con persoas, algunhas enormemente vulnerables -“a vosa Facultade é un hospital, e eso marca claramente a profesión que acabades de escoller” dixo Rubial, que agradeceu aos novos alumnos que elixiran Ourense e os animou a aproveitar as vantaxes de formar estudar nunha escola onde se poden beneficiar dunha docencia máis personalizada e de proximidade.

Artigos relacionados

Back to top button