EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaVídeos

A Asociación Centro Comercial Aberto O Barco celebra a súa asemblea anual

Na xuntanza aprobábanse as contas e o orzamento e abordábase o tema da nova sende da entidade

 

Os socios do Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco celebraban na tarde do 5 de outubro a súa asemblea anual. Reuníanse no primeiro andar do Casino da vila cunha orde do día que incluía a aprobación da memoria de actividades desenvolvidas no 2022, a ratificación por parte da asemblea das solicitudes de afiliación, así como a aprobación das contas do 2022 e o orzamento deste ano.

“A previsión de orzamento para este ano foi boa e para o vindeiro ano pensamos que vai ser mellor, xa mantivemos varias reunións esta semana coa Deputación e co Inorde e a impresión é moi boa, pero hai que esperar a que saian os seus orzamentos aprobados para o ano 2024”, explicaba o presidente do CCA, Jacobo Arias, rodeado pola súa xunta directiva, incidindo en que “temos ideas e temos ganas para continuar con novos proxectos”.

Ademais facía un balance positivo da situación da entidade, que nestes momentos, tras a súa separación en maio da Asociación Empresarial de Valdeorras (AEVA) conta con 97 socios. “Cando se produciu a ruptura entre as asociacións estabamos en 98 e xa esperabamos perder algún socio, pero agora somos 97, algúns marcháronse pero viñeron outros e mantémonos aí”, matiza Arias.

Outro dos asuntos que se abordaba na reunión é o da nova sede do CCA que, tras separarse de AEVA non dispón de oficina propia. O presidente comentaba que se tratou este tema co Concello do Barco xa no mes de maio pero, malia que hai boa disposición, por agora a asociación segue sen dispor de local e a xerente, María Fidalgo, está “traballando dende casa ou en certos momentos en oficinas de membros da xunta directiva, pero isto non é forma porque o ideal é ter un local físico, niso estamos e aparecerá”.

 

 

A asemblea finalizaba cunha homenaxe á anterior xerente da asociación, Ainhoa Carracedo, que rebicía un regalo e agradecía este xesto e agasallo por parte dos integrantes do CCA. Despois os asistentes compartían un viño de Valdeorras acompañado de petiscos.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button