
A Deputación de Ourense prestará o seu apoio para a mellora das instalacións da Asociación de Escaladores Ourensáns (Asesou). Así o aseguraba Manuel Baltar trala reunión mantida no Pazo Provincial co vicepresidente da asociación, Miguel Feijoo, e o asesor xurídico, Román Arias.
“Asesou xa vén demostrando a súa altísima participación activa na provincia -destaca o presidente da Deputación- realizando xornadas e programas de todo tipo, ou colaborando na organización de dúas actividades de ‘geocaching’ durante a última edición da Mobile Week”.
Na reunión tamén se estudaron posibles novos proxectos, entre os que sobresae a creación dun centro de tecnificación e un rocódromo de medidas oficiais. Dúas iniciativas, sinala Manuel Baltar, “que permitirían a provincia de Ourense seguir a consolidarse como un referente dentro desta modalidade deportiva, e que avaliaremos no futuro sempre en colaboración coa Xunta de Galicia”.
Pola súa banda, Miguel Feijoo agradeceu entre tanto a receptividade do presidente da Deputación “para que podamos contar coas mellores instalacións á hora de facilitar un adestramento de alto nivel e de calidade” para os socios tecnificados -entre eles, Iván Pacios, subcampión nacional de escalada na categoría sub-16-, ademais de seguir mellorando nos adestramentos aos más cativos -Asesou conta con máis de 200 licencias de rapaces menores de 18 anos-.
Previsión de 700 licenzas federativas para 2023
Asesou é unha asociación que conta con escolas deportivas en escalada, marcha nórdica e carreiras por montaña, ademais de ser o único club de surf da provincia de Ourense. Cunha previsión de 700 licenzas federativas para cando remate o ano 2023, o club obtivo no último lustro importantes resultados deportivos que, sinalan, o sitúan no primeiro posto de Galicia por número de vitorias en escalada.
As actuais instalacións de Asesou, na rúa Avilés de Taramancos da cidade, son a terceira sede que estrea a asociación, que ante a crecente demanda de usuarios tivo que buscar novos espazos e de maior amplitude para atender a demanda.