OurenseÚltima hora

A Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia pide que os GES pasen a ser xestionados polas deputacións

Era unha das demandas que o presidente desta entidade lle trasladaba ao responsable de área de Emerxencias da Deputación da Coruña

Publicidade
O presidente da Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia, na reunión celebrada na Deputación da Coruña./ Foto: Deputación da Coruña.

 

O novo presidente da Asociación de Grupos de Emerxencias Supramunicipais de Galicia (AGESGA), Antonio Miguel Barros (membro do GES Valdeorras), mantiña o 1 de xullo unha xuntanza co deputado responsable da área de Emerxencias da Deputación da Coruña, Blas García. Na reunión participaron tamén Fabián González e Diego Ibáñez.

Este encontro enmárcase na rolda de reunións que a nova directiva da entidade está a manter coas diferentes administracións implicadas no financiamento e xestión dos GES. O presidente de AGESGA destacou que unha das principais reivindicacións do colectivo é que sexan as deputacións as que xestionen os GES. “Actualmente dependemos orgánica e funcionalmente dos concellos, o que nos leva a facer determinados labores coma as rozas forestais que moitas veces se circunscriben só ao concello no que se sitúa a base e non ao ámbito de actuación e que nada teñen que ver coas emerxencias, o que incide negativamente no tempo de resposta en caso de producirse unha emerxencia”.

Barros considerou que os GES deberían facer labores de vixilancia das franxas secundarias de protección (as que dependen dos concellos) no ámbito comarcal, pero as rozas deberían ser efectuadas por brigadas forestais ou medioambientais.

Así mesmo o presidente de AGESGA trasladoulle ademais á Deputación outras demandas do colectivo coma a creación dunha bolsa única de substitucións para cubrir baixas e vacacións do persoal, a necesidade de establecer comunicación vía radio cos parques de bombeiros comarcais cos que con frecuencia deben coordinarse na atención das emerxencias ou a necesidade de contar con suficientes medios persoais e materiais para desempeñar o seu traballo.

O deputado provincial Blas García comprometeuse a levar as súas reivindicacións á comisión de seguimento dos GES, integrada pola Xunta de Galicia, as catro deputacións galegas e a Fegamp, dado que o convenio actual que regula a actividade dos GES remata a final do presente ano 2021.

Ademais, García destacou a necesidade de “facer unha revisión e modificación da Lei de Emerxencias de Galicia, posto que a actual demostra que non está a ser efectiva”.

Artigos relacionados

Back to top button