Neste mes de xuño porase en marcha unha nova edición das Tapiñas do Concello de Xinzo de Limia, organizada pola Asociación de Hostaleiros da Limia (AHL) tras acadar un gran éxito na súa primeira experiencia en abril. Así, na anterior edición, que arrancaba o xa pasado 27 de abril, participaban 13 locais do Concello de Xinzo de Limia, repartíronse máis de 600 cartóns de participación entre os clientes dos establecementos. Así mesmo déronse máis de 3.000 pinchos ao longo do mes entre todos os locais participantes, “sendo motivo para repetir esta acción unha vez máis”, din dende a asociación.
Deste xeito, os xoves estanse convertendo nun dos días máis esperados para a veciñanza de Xinzo, onde a xente se bota a rúa co fin de facer a ruta. Ademais desta volta suma 16 establecementos, tres máis, ao incorporarse Bar 5 Rutas, Tivoli e La Paloma. E “coa posibilidade de que esta cifra sega crecendo en vindeiras edicións. Sen dúbida e como esperaban os hostaleiros da Asociación, a resposta das veciñas e veciños desta iniciativa tivo unha gran acollida e polo tanto, co gallo de incentivar de novo á participación sortearase un vale de 200 € para compra no comercio local”, adiantan dende a AHL, matizando que as bases serán as mesmas que na anterior edición.
A tapiñas terán un custe de 2 € por unidade e serviranse os xoves, dende o 6 ao 27 de xuño, de 19:00 a 22:30 h. De novo, os cartóns serán recollidos polos propios establecementos e sortearase o premio unha vez finalice a edición en curso.
“Dende a AHL convidamos a todos as veciñas e veciños do concello a seguir participando nesta iniciativa, así como a calquera persoa de fóra, creando tecido e mellorando a calidade da nosa hostalaría. Sen dúbida, a hostalaría de Xinzo segue viva”, aseguran dende a súa directiva.

