As Oficinas Agrarias Comarcais (OACs) teñen como función “a execución das actuacións da Consellería do Medio Rural en materia agraria, así como a de prestar apoio técnico e administrativo aos agricultores e gandeiros”, sinalan dende a Asociación Galega de Viticultura-Federación Rural Galega (AGV-FRUGA). E, dentro dese apoio, figura “tanto o asesoramento, como facilitar os trámites administrativos en axudas, subvencións de plans de mellora ou de incorporación de xoves, tramitación de PAC, xestións vinculadas ao Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) ou o Rexitro Vitícola de Galicia”.
De aí, din dende AGV-FRUGA, a importancia de que estean dotadas de medios e persoal suficiente. “Un bo asesoramento dende as OAC, aos titulares das explotacións, e a axilidade no mesmo son fundamentais á hora de tramitar a solicitude de axudas para que éstas poidan cumprir os requisitos requiridos e entrar en prazo”, aseguran dende estas organizacións.
Neste senso, AGV-FRUGA sinalan que un ano despois de que a conselleira do Medio Rural manifestara publicamente que “estaba estudando dotar de máis medios e persoal ás OACs co fin de mellorar as súas prestacións”, seguen a “detectar carencias de persoal e recursos en distintas oficinas”.
Nesta situación, concretan dende estas organizacións, “atópase algunha OAC da comarca de Valdeorras, onde os viticultores e agricultores da zona están a manifestar o seu malestar e preocupación polas deficiencias do servizo prestado que lles provoca que para realizar un trámite se teñan que desprazar máis dunha vez á mesma, por ausencias da súa titular ou por sobrecarga de traballo desta, o que implica retrasos na tramitación dos seus expedientes e non poder cumprir os prazos esixidos nas convocatorias, cos correspondentes prexuízos para os titulares das explotacións. Diante desta situación, e para buscar solucións, chegan a ter que desprazarse a outras OAC para realizar consultas ou tramitar a documentación”.
Dende AGV pídese á Consellería de Medio Rural que “a anunciada dotación de máis medios e persoal para as OAC que fixo hai case un ano, se leve a cabo con carácter urxente”.