A RúaConcellosÚltima hora

A Asociación Peña Imperio da Rúa reúne a máis dun cento de mulleres décadas despois da súa creación

 

Comezaba a década dos 80 na Rúa cando Fuensanta Colmenar (Santy) e Marina Álvarez comezan a rexentar a churrería situada na rúa Doutor Vila. Pouco a pouco as mulleres que alí se xuntaban polas mañás foron formando un grupo de amigas que no ano 1985 deciden forman unha peña. Comezaban sendo seis pero pouco a pouco a cantidade aumentaba. Cos cartos que xuntaban das cuotas xogaban á lotería e cando o acumulado o permitía, ían xuntas de cea. Era o inicio da Peña Imperio que crecía cos anos facendo cada vez máis reunións e actividades na vila. Ceas, sorpresas, comparsas, exposicións,… chegando a formarse como asociación no ano 2008.

 

Álvaro Purre e Santy, no Centro Cultural Avenida da Rúa.

 

Anos despois e tras varios de inactividade, a súa fundadora decidía xuntalas a todas, ou polo menos a boa parte delas, na xornada deste sábado 25 de maio. O acto central do evento era a proxección dun vídeo creado por Álvaro Purre que se proxectaba no Centro Cultural Avenida. Tal como explica o propio Álvaro, estivo anos traballando nel. “Santy falárame de facer algo xa antes da pandemia pero tiña moi pouco material, apenas un par de álbumes de fotos. Chegou a pandemia e o tema quedou aparcado ata que pasado xa o Covid decidía retomalo e de repente apareceume con 14 videos de case unha hora e unha gran cantidade de fotos co cal a primeira montaxe íase a máis de tres horas e media”.

Finalmente quedou un vídeo de dúas horas de duración que recolle os grandes momentos vividos pola peña, dende 1989 ata 2012 máis ou menos e que visualizaron as asistentes ao acto. Máis dun cento de mulleres de diferentes xeracións que tralo reencontro, compartían un xantar na finca da propia Santy, en Petín, servida por Mantesil.

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button