Dende a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) tamén se valoraba esta mañá o desprendemento na tardiña de onte da comporta central da presa de Santiago en Valencia do Sil (Vilamartín). “Isto sucede porque se desencaixa o eixe de rotación da mesma comporta no seu dado de formigón, e os efectos inmediatos que ten este incidente é un desaugue maior do habitual dunha parte do volume encorado”, sinalaba o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga.
Ademais explicaba que “este é un pequeno encoro de categoría C cunha capacidade de 1,14 hectómetros cúbicos, polo tanto, estamos diante dunha pequeniña presa que ten a súa importancia, pero tamén hai que situala no seu contexto. Ademais hai que clarificar que está dentro dun sistema de presas continuas dende a entrada do Sil en Galicia ata practicamente a súa desembocadura”.
Quiroga concretaba tamén que “o nivel de auga desencorado por este incidente supón unha elevación do nivel no seguinte encoro, que é o de San Martiño, duns 50 cm, e que foi absorbida sen ningún incidente. Ademais debemos aclarar que pola noite a empresa concesionaria, Iberdrola, procede a colocación dunha ataguía que evita que se siga vertendo auga do encoro de Santiago en Valencia do Sil, e de feito, a partir da colocación desa ataguía o nivel de volume de augas comeza a recuperarse e, neste momento, xa recuperou uns 4,5 m, quedándolle 2,5 para chegar á coroa da propia presa”.
O presidente da CHMS quería transmitir tamén unha mensaxe de tranquilidade indicando que este “é un incidente que alarmou aos veciños e un pouco a todos, pero tamén hai que aclarar que non hai uns efectos considerables que se poidan destacar, e a mellor maneira de exemplificar isto é que o nivel de auga desencorado da presa de Santiago é un nivel inferior ao que sería o nivel de auga dunha enchenta normal nun ano pluviometricamente de grandes aportacións. Entón, máis alá da alarma creada temos que estar tranquilos porque os efectos non son a destacar”.
Neste senso, José Antonio Quiroga matizaba que “isto non supón minusvalorar o incidente, senón que está aberto un procedemento de investigación. A concesionaria deberá ter a disposición os seus propios mecanismos internos de investigación e a propia confederación tamén ten posto en marcha unha investigación sobre as causas que provocaron este incidente do desprendemento da comporta”.