CulturaCulturaEducaciónEn portadaÚltima hora

A barquense Ainhoa Iglesias López consegue un dos Premios Fin de Carreira da Xunta

Rematou o Grao de Bioloxía na Universidade de Vigo e agora está preparándose para facer o BIR (Biólogo Interno Residente)

Ainhoa Iglesias López no laboratorio./ Foto cedida.

 

Hai apenas unha semana a Xunta publicaba no Diario Oficial de Galicia a resolución dos Premios Fin de Carreira para o alumnado que finalizou os seus estudos universitarios no ano 2021. Un total de 82 persoas reciben este recoñecemento, que ten como finalidade “distinguir o traballo dos alumnos máis destacados, incentivando así a excelencia académica como aposta de futuro para Galicia”.

Do total dos premiados, o 58% (48 persoas) son mulleres, sendo a universidade con máis premiados a de Vigo, con 38, entre os que está a valdeorresa Ainhoa Iglesias López, natural do Barco de Valdeorras, premiada polo Grao en Bioloxía na rama de Ciencias.

 

Ainhoa coa banda da Universidade de Vigo./ Foto cedida.

 

Ainhoa cursou Infantil, Primaria e ESO no Colexio Plurilingüe Divina Pastora do Barco, os dous cursos de Bacharelato no IES Lauro Olmo e despois marchou a Vigo para estudar Bioloxía, algo que sempre lle gustou. “Era a miña asignatura favorita e o resto de carreiras non me chamaban así que decidín facelo”, conta, adiantando que agora está preparándose para poder facer o BIR (Biólogo Interno Residente) para facer unha residencia nun hospital público de España. “Pódese preparar presencialmente pero eu estouno facendo online”, di Ainhoa, recoñecendo que a parte que máis lle gusta da carreira é a de laboratorio, a clínica.

Mostra diso é a beca de colaboración co departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da UVigo que lle condecían en 4º de carreira. “Alí fixen o meu TFG (traballo de fin de grao) e participei nun proxecto que estaban levando a cabo para o diagnóstico da hipertensión arterial pulmonar”, conta, un proxecto de investigación pioneiro que permitirá, a través da análise xenética, dar novos pasos cara unha detección da enfermidade nas súas fases máis iniciais.

 

Ainhoa co equipo do departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía da Uvigo./ Foto: Duvi.

 

As mostras de que Ainhoa é unha boa estudante non quedan aí e, ademais do Premio Fin de Carreira da Xunta, recibiu tres anos consecutivos o premio ao mellor expediente do curso académico. “Concedéronme o premio ao mellor expediente de Bioloxía da UVigo, de 1º, 2º e 3º de carreira. Ademais a Universidade de Vigo concedeume o premio fin de carreira ao mellor expediente de Bioloxía da miña promoción”, di, recoñecendo que o Premio da Xunta a nivel galego supón “un recoñecemento a todo o esforzo realizado durante catro anos e tamén unha alegría”, amais do apartado económico pois conta cunha dotación de 3.500 euros por persoa e un diploma acreditativo desta distinción.

Para optar ao premio as persoas candidatas debían acreditar unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,50 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde e 7,50 puntos para o alumnado da rama de Enxeñería e Arquitectura.

Artigos relacionados

Back to top button