“Para toda a vida. Estética, duración e sostibilidade medioambiental” é o lema da nova campaña de promoción que vai lanzar o Clúster da Pizarra de Galicia, contando co apoio da Xunta, tanto no ámbito nacional como internacional. “O clúster promove unha forma de estar máis presente para que a lousa siga véndose como o mellor investimento posible e, dende logo, a máis lonxeva”, dicía o presidente da Clúster da Pizarra de Galicia, Víctor Cobo durante a presentación desta iniciativa, que tiña lugar esta mañá na sede da entidade en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras).
Tres son os obxectivos desta campaña: “consolidar a imaxe do Clúster, a súa comunicación e conseguir así o impulso do sector. Para iso desenvolvimos un plan integral que trataremos de implementar este ano e o que vén e que porá en valor a calidade e as características únicas da lousa ante os nosos prescritores, compradores, colocadores e público en xeral”, engadía Cobo, que estaba acompañado polo xerente do clúster, Severino González.
Deseguido, o responsable de comunicación do clúster, Jorge Isla, afondaba nas características da campaña, “que ten dúas caras se ben o lema é sempre o mesmo. A principal diferenza é que se aposta polo ámbito no que somos líderes mundiais, como é o das cubertas, e tamén por un dos nichos de mercado onde estamos medrando e no que queremos incidir nos vindeiros anos, como é o das fachadas”.
A campaña resalta así mesmo as características esenciais desta pedra natural: a súa lonxevidade “xa que pola súa calidade, mantense en óptimas condicións ao longo do tempo”, a súa sostibilidade como material e a súa estéstica. “Engade un aspecto visual espectacular que perdura no tempo e a súa cor natural e a súa textura sofisticada dotan a calquera construción dun carácter único, combinando a tradición cun deseño contemporáneo e elegante. Esta conxunción entre beleza e funcionalidade permiten que a lousa se posicione como unha elección ideal para os que buscan un produto duradeiro pero que tamén realce o valor arquitectónico da súa vivenda”, indicaba Isla.
Esta acción promocional vai destinada ao público final, as persoas que escollen a lousa para a súa cuberta e fachada, pero tamén aos prescritores, “que son unha parte fundamental para nós: arquitectos, arquitectos técnicos, enxeñeiros, responsables de compras de grandes superficies…”. A campaña convida a considerar “a lousa galega como un investimento intelixente e, sendo conscientes de que perdura durante xeracións, con respecto ao medio ambiente e cun estilo que nunca pasará de moda”.

Neste sentido, o plan de promoción a organización de conferencias técnicas en escolas de Arquitectura e Arquitectura Técnica e a realización de visitas de estudantes e profesores deste tipo de centros, e doutros estudos relacionados co sector (enxeñeiros de minas, xeólogos, estudantes de formación profesional etc.)/ etc.), ás empresas extractivas do sector louseiro.
“Estas accións van dirixidas ao ámbito internacional, pero tamén o mercado nacional, onde a nosa idea é poder medrar tanto no uso da lousa en cubertas como en fachadas, onde somos moi competitivos co novo sistema desenvolvido por algunhas empresas do sector”, matizaba o xerente do Clúster, Severino González.
Estes relatorios buscan fomentar un maior coñecemento da lousa por parte dos futuros profesionais da construción, que se completará coa experiencia de coñecer de onde vén e como se extrae o produto en orixe, o que lles axudará a apreciar o seu valor.

Outra das accións sociais que contempla a campaña é a posta en marcha dun concurso que premie as mellores obras en lousa, cando este sexa o principal material usado tanto en fachada como en cuberta.
A prevención e loita contra as enfermidades profesionais, “pasa pola formación dos traballadores, para a que o Clúster previu a organización de xornadas técnicas nas que se traten estes e outros temas de especial relevancia para o sector”, adianta.
Fotos e vídeo: O SIL.