Este luns 17 de xuño poñíase en marcha a campaña comercial “Eu merco en Verín”, promovida pola Asociación de Comerciantes de Verín (AEVER) e que busca animar ás rúas de vila e promover as vendas nos establecementos. A iniciativa presentábase a comezos desta semana nun acto no que participaban o presidente e o xerente de AEVER, Santos Álvarez e Xosé Ángel Rodicio, respectivamente, así como María Isabel González, da área de Comercio do Concello de Verín.
No decurso da campaña os establecementos participantes entregarán tíckets para poder acceder as actividades previstas o 28 de xuño (en horario de mañá de 11:00h a 13:30 h, e de tarde de 17:30h a 20:30h.): inchables e xogos interactivos e xogos desenchufables. Serán un total de 16 “estacións” situadas nos seguintes puntos: Praza Maior, Praza da Merced, Praza do Concello, Cruce principal (Rúa Lisa con Luis Espada), Estrada de Castela, Rúa Deputación, Rúa Montemaior, Pavillón dos Deportes, Rúa Maior, Avenida de Sousas.
“O mesmo día da festa instalaremos unha carpa da asociación na praza do Concello para canxear os tíckets de compras no comercio local por pulseiras que permitirán acceder aos diferentes xogos e actividades”, segundo informa a asociación.
A dinámica será a seguinte:
HORARIO DE MAÑÁ- deberán entregar 3 tíckets + 5€ e realizar o cambio na praza do Concello na citada carpa de AEVER para conseguir a pulseira azul, que lles dará a posibilidade de acceder a todas as actividades en horario de mañá.
HORARIO DE TARDE- 3 Tickets + 5€ = pulseira verde para acceder a todas as actividades en horario de tarde.
HORARIO TODO O DÍA- 3 Tickets + 7€ = pulseira vermella para acceder a todas as actividades todo o día.
A carpa da asociación estará aberta na praza do Concello de Verín 1 hora antes do inicio das actividades (10h.). O obxectivo “é incrementar o poder de atracción da zona, incentivar as vendas, mobilidade dos clientes polas rúas comerciais e conciliación familiar. Mentras os nenos están entretidos e atendidos esas horas, os pais poder mercar tranquilamente”, indican dende AEVER.
Fotos cedidas.