Contra as oito da tarde depositábanse na urna os últimos boletos na urna do sorteo da campaña “Mercar no teu comercio ten premio”, situada na praza Andrés de Prada do Barco neste 14 de setembro. Numerosas persoas sumábanse a esta iniciativa de dinamización comercial, tantas, que se esgotaban os boletos, duplicando a participación da pasada edición. Eses boletos para poder participar conseguíanos os clientes que gardaban os tíckets polas compras realizadas nos establecementos do Barco Centro Comercial Aberto (CCA) entre o 8 e o 14 de setembro.
Tamén era grande a expectación mentres comezaba o sorteo dos seis premios que se sorteaban nesta segunda edición da campaña, consistentes en 4 tarxetas prepago de 100 euros e dúas tarxetas de 300 euros. Os afortunados recollían os seus premios de mans das autoridades presentes no sorteo, entre elas a presidenta da Federación de Comercio de Ourense, Beatriz Gómez; o presidente do Barco CCA, Jacobo Arias; o alcalde do Barco, Alfredo García; a edil de Comercio, Alba Rodríguez; e o director de Abanca nesta vila, José Vicente García.
“Estamos moi satisfeitos porque a participación subiu moito con respecto ao ano pasado, no que se celebrou a primeira edición desta campaña. Iso quere dicir que a sociedade e a vila do Barco están apoiando ao pequeno comercio”, resaltaba Beatriz Gómez, presidenta da Federación de Comercio de Ourense, quen estaba acompañada por outro directivo da entidade, Jesús Manso. Ademais agradecía o labor das persoas e entidades que facían posible levar adiante esta iniciativa, citando expresamente ao Barco CCA e ao Concello do Barco. “Sen comercio non hai vida, é moi importante o labor que fai o comercio en xerar emprego e economía, moitas grazas pola vosa participación e tamén aos comerciantes”, concluía Beatriz Gómez.
Tamén moi positiva era a valoración que facía da campaña o presidente do Barco CCA, Jacobo Arias. “Restultou todo moi ben, tiñamos certo medo do festivo pero si que é certo que á hora de entregar cartelerías e material informativo os comerciantes dicíannos que o bo que ten é que lles permitía estar. Ademais esgotáronse os tíckets, foron máis do dobre do ano pasado, cuns 600. Así que estamos sorprendidos e esperamos seguir facendo campañas, que sigades participando así, e que sigades participando así”. Arias agradecía o apoio da Federación de Comercio de Ourense e do Concello do Barco e do comercio barquense.
Pola súa banda, o alcalde do Barco, Alfredo García, dicía que “se de algo está orgulloso o Concello é do comercio que hai no Barco, somos unha potencia, e para que iso sucede tense que dar dúas cousas, primeiro ter comerciantes entregados e tamén unha veciñanza que decide mercar no Barco, grazas a todos os que sodes capaces de facer que as rúas do Barco estean cheas de xente, de escaparates, de locais cheos de negocios e de comercios…. Aí está a calidade de vida deste pobo e todo grazas a vos”.
O Barco foi a primeira das nove vilas ourensáns nas que se desenvolverá esta iniciativa de dinamización do comercio de proximidade posta en marcha pola Federación Gallega de Comercio e Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia en colaboración coa Federación de Comercio de Ourense, de Abanca e da Asociación O Barco Centro Comercial Aberto (CCA).
A campaña está agora en marcha en Trives, cuxo sorteo de premios se celebrará o vindeiro martes.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.