En portadaÚltima hora

A Casa da Cultura de Quereño (Rubiá) levará o nome de Antonio Castro Voces

A Asociación de Veciños Aluveire propoñíalle esta iniciativa ao Concello de Rubiá, que a apoiará

Antonio Castro Voces presentando o seu libro sobre Quereño na Casa da Cultura desta localidade de Rubiá./ Cedida.

 

Era o escenario da presentación do seu último libro, “Quereño, un pobo singular” en agosto de 2022. Pero a vinculación de Antonio Castro Voces coa Casa da Cultura de Quereño (Rubiá) ía moito máis alá. Foi un dos promotores da súa construción, promovendo iniciativas como xornadas micolóxicas e gastronómicas, que lle permitían a Asociación Aluveire de Quereño recadar fondos e, co apoio do Concello, poder construíla.

Este lugar constitúe o centro de actividade cultural (cunha ampla biblioteca), divulgativa, social e mesmo deportiva (xa que conta cunhas pistas) desta localidade. Por iso a Asociación Aluveire vén de propoñerlle ao grupo de goberno municipal de Rubiá que este lugar leve o nome do historiador Antonio Castro Voces, cuxa perda choraba a comarca de Valdeorras na pasada fin de semana.

“Expuxémoslle a nosa proposta ao Concello e pareceulles moi ben a idea. Estamos á espera que o secretario nos indique cal é o procedemento a seguir para formalizalo, e entendemos que o primeiro será presentar un escrito. A nosa idea é, en canto isto se aprobe, facerlle un acto de homenaxe a Antonio Castro Voces alí e colocar unha placa de recoñecemento á súa figura”, explican dende a directiva da Asociación de Veciños Aluveire, que agrupa a practicamente todos os habitantes da localidade.

Dende o Concello de Rubiá vén moi favorablemente a iniciativa e adiantan o seu apoio para que a Casa da Cultura de Quereño leve o nome do historiador veciño desta localidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button