Gourmets está considerado o principal evento europeo dedicado aos produtos delicatessen de referencia para todos os profesionais da industria da alimentación, bebidas e gastronomía. Nesta edición, que se está a desenvolver do 7 ao 10 de maio, teñen presenza os diferentes consellos reguladores de calidade galegos, entre os que está o da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia.
Na tarde do 8 de maio, esta IXP ofrecía aos visitantes de Gourmets unha degustación de castañas fritidas, asadas e de puré de castañas, así como de queixo azul con arroz de remolacha e castañas. Para mañá, 9 de maio, está prevista unha nova degustación entre as 13h. e 14h. na que se amosará a versatilidade culinaria da castaña galega e a calidade deste produto.

Na xornada do 8 de maio, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitaba a mostra Gourmets, acompañada por outros membros deste departamento autonómico, e destacaba que esta cita constitúe un escaparate para darlle proxección aos produtos galegos nun escenario no que a alta gama é a protagonista.
Fotos cedidas pola IXP Castaña de Galicia.
