Levaban semanas ensaiando e era unha das citas máis esperadas nesta Semana Santa no Barco de Valdeorras, pero finalmente a chuvia obrigaba a reducila considerablemente.
Para as oito da tarde deste luns 14 de abril estaba prevista a saída por segundo ano da imaxe da Virxe da Consolación a ombros dun grupo de mulleres. “En lugar de andas, a imaxe irá sobre un trono preparado para tres barrais e 34 mulleres que a portarán por un percorrido similar ao ano pasado, pola zona de Santa Rita (praza do Príncipe, rúa España e rúa Balorca), que marcará o inicio da Semana de Paixón”, explicaba na presentación o párroco do Barco Jesús Álvarez, adiantando que a procesión iría precedida polo Santo Cristo da Paz portado ao estilo “lexionario” polos homes e co acompañamento musical da Banda de Tambores da Parroquia de Viana do Bolo.
Todo estaba preparado, as mulleres uniformadas coas túnicas negras, os homes coa camisa branca e mesmo un grupo de encapuchados coa túnica morada de Ponferrada, pero a tromba de auga que caía a esa hora impedía a súa saída.
Así pois, cambiábase o orde e primeiro tiña lugar a eucaristía deste Luns Santo para, de seguido, sacar os pasos e facer un percorrido polo interior da igrexa de Santa Rita, bordeando a praza do Príncipe aproveitando unha tregua, para regresar de novo ao templo, escapando por moi pouco da auga.
Trala misa e antes da procesión, o párroco tiña un detalle con dúas monxas polo seu labor a prol desta celebración.
Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.