SanidadeÚltima hora

A CIG Saúde di que unha das 2 hematólogas do HPV vaise “polas condicións de contratación”

Dende a Área Sanitaria de Ourense aseguran que "dende a dirección asistencial ofreceuselle un contrato indefinido no Hospital Público de Valdeorras, proposta ata o momento rexeitada pola especialista"

Entrada principal do Hospital Público de Valdeorras, no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Dende a CIG Saúde vén de insistirse, a través dunha nota de prensa, “no continuo deterioro do Hospital Público de Valdeorras e na continúa perda de recursos humanos” do mesmo. O representante deste sindicato na Xunta de Persoal, Suso Vilasánchez, sinala que, xunto coa xubilación en febreiro “dun dos piares deste hospital como é o doutor Masferrer, tamén imos perder a unha das dúas hematólogas, que temos, que abandona o centro polas malas condicións de contratación”.

Vilasánchez indica que “esta profesional, que leva dende o 2019 con nós, tiña un fin de contrato e agora polo visto se lle reduciría a contratación a 3 meses. Ante a inestabilidade laboral decide contactar con outros servizos buscando mellor estabilidade laboral, e atópaa. Polo tanto, nós queremos facer chegar á poboación que a situación do HPV segue deteriorándose e que non é certa ningunha das promesas que se lle fan a esta poboación por parte do conselleiro de Sanidade”.

Sobre esta cuestión, dende a Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco aseguran que “a dirección do Hospital Público de Valdeorras tivo coñecemento onte da decisión dunha das dúas especialistas de Hematoloxía de non renovar o seu vínculo laboral co centro. Hoxe mesmo, desde a dirección asistencial ofreceuselle un contrato indefinido no Hospital Público de Valdeorras, proposta ata o momento rexeitada pola especialista”.

Así mesmo, o Sergas indica que “ata este intre O Barco contaba con dúas hematologas -tras moitos anos de servizo unipersoal- polo en caso de que manteña a decisión de exercer a súa libertade para abandonar o centro e trasladarse a outro hospital e comunidade, o servizo manterase co soporte do Servizo de Hematoloxía, ata a contratación dun novo especialista”.

O delegado sindical da CIG reafirma as súas palabras, asegurando que á hematóloga non se lle ofreceu un contrato indefinido. “Esta profesional quería quedarse no Barco e di que incluso se hoxe lle ofreceran un contrato de seis meses, teríase quedado aquí”.

Artigos relacionados

Back to top button