EconomíaEconomíaÚltima hora

A conselleira do Medio Rural reúnese co presidente da IXP Castaña de Galicia

 

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reuníase esta mañá en Lugo co presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, Jesús Quintá. A xuntanza serviu para reforzar a colaboración en materia de ordenación, fomento e promoción desta produción, na que Galicia é líder nacional. Ademais, nesta reunión a conselleira aproveitou para coñecer de preto as demandas e necesidades dun sector cuxas prioridades se asentan en gañar produtores e base territorial.

María José Gómez puxo en valor as axudas do seu departamento para o fomento do castiñeiro, que este ano teñen un orzamento de máis de 1,3 millóns de euros. A conselleira salientou ademais que o orzamento destas achegas medra un 30% respecto da aprobación da anterior convocatoria e que os investimentos enmárcanse no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Destacou, así mesmo, que a iniciativa alíñase co Plan Forestal de Galicia e co Programa Estratéxico do castiñeiro.

Prazo aberto para o fomento do castiñeiro

Destas subvencións, cuxa convocatoria foi publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado día 14 de maio e estará aberto ata mañá, día 26 de xuño, poderán beneficiarse as entidades locais e as persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dos terreos forestais, tanto os propietarios como os arrendatarios ou xestores. A conselleira sinalou, a maiores, que con esta iniciativa dáse continuidade ao labor desenvolvido nos últimos anos pola Xunta nesta materia. En concreto, referiuse á convocatoria de 2023, aprobada por preto de un millón de euros e que vai permitir a plantación de case 20.800 castiñeiros para froito na nosa comunidade.

Nesta reunión cos responsables da IXP, púxose tamén de relevo que Galicia é a principal comunidade autónoma en produción e exportación de castañas de España, absorbendo máis da metade do total nacional. Ese volume de produción anual tradúcese nun impacto económico a nivel autonómico de máis de 20 millóns de euros pagados aos produtores, xerando un valor superior aos 50 millóns de euros en comercialización unha vez transformada.

Artigos relacionados

Back to top button