
A Coral De Ruada está de aniversario. Nin máis nin menos que cen anos hai xa que botaba a andar esta senlleira agrupación musical, un dos coros máis antigos de Galicia, e para celebralo, organizaron un completo programa de actividades que conta coa colaboración da Deputación, e que se desenvolverá ata xuño de 2019.
O programa, ideado para poñer en valor a traxectoria cultural e musical da Coral de Ruada ao longo dun século, era presentada na mañá do 10 de decembro nun acto no que ademais presentábase o estandarte do centenario da coral, que recolle o escudo da institución e a data do seu centenario: 1918-2018.
A fundación da coral remóntase ao 5 de outubro de 1918 en Villa Joaquina, na avenida de Zamora, baixo o nome de O Coro de Ruada, e presentouse ao público ourensán o día 24 de xuño de 1919, no desaparecido Salón Apolo, por iso, os actos previstos para conmemorar o seu centenario desenvolveranse entre estas dúas datas tan importantes na historia desta entidade musical. Entre os actos programados figuran concertos, conferencias, publicacións, exposicións, homenaxes e actos institucionais, entre outras actividades.
O vindeiro 15 de decembro terá lugar a colocación dunha placa conmemorativa na beirarrúa da avenida de Zamora, á altura de Villa Joaquina, onde tivo lugar a reunión fundacional da Coral de Ruada; o 22 de decembro celebrarase unha misa-concerto de Nadal na parroquia de María Auxiliadora, e o día 28, o tradicional Concerto de Nadal da Coral de Ruada na catedral de Ourense. Posteriormente, o día 3 de xaneiro terá lugar o Concerto de Reis na parroquia de Santiago das Caldas, para continuar ao longo dos vindeiros meses, ata xuño de 2019, coas demais actividades do centenario.