O selo Galicia Calidade ampara a unha nova adega ourensá: A Coroa. Os responsables desta empresa, situada na Rúa e pertencente á Denominación de Orixe Valdeorras, recibían na mañá do 4 de decembro na propia adega o certificado de uso deste selo de mans da directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, e do xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro. Con este recoñecemento os viños de A Coroa poderán incluír na súa etiquetaxe este distintivo. Trátase dos viños A Coroa, A Coroa Lías, A Coroa Ladeira Vella e 200 Cestos.
A directora xeral de Comercio deulle á benvida á nova esta adega valdeorresa “a esta gran familia, que é Galicia Calidade” e expresou o seu desexo de que “sexa fructífera esta unión”. Ao seu carón, o xerente de Galicia Calidade, incidiu no compromiso desta marca por seguir apostando pola calidade e pola promoción dos viños valdeorreses, tendo en conta ademais que esta é a segunda adega desta denominación ourensá amparada polo selo. Asemade referíuse á campaña “Galicia Calidade en ruta”, que está a percorrer as sete cidades galegas nestes días.
Pola súa banda, Roberto Fernández, de A Coroa, lembraba que esta adega ten sido un proxecto familiar, sempre enfocada na zona, en Galicia e na calidade. Ademais incidíu na súa aposta pola exportación, apuntando que os seus caldos están presentes nuns 15 países. Os participantes no acto realizaron, de seguido, unha visita polas instalacións da adega.