SanidadeÚltima hora

A CSIF asegura que se está “desmantelando o Hospital de Valdeorras”

Entrada principal ao Hospital Público de Valdeorras, no Barco.

 

A Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) do Hospital Público de Valdeorras (HPV) vén de facer público, a través dun comunicado, “o malestar que está a xerar a Xerencia da Área de Ourense, Verín e O Barco entre os profesionais do devandito centro” e insisten en que se está levando a cabo un “desmantelamento do hospital barquense”.

A demandas anteriores, como “a non substitución de facultativos e a deficiencia en moitos servizos”, suman agora outras. Aseguran que a xerencia está “anulando os permisos que en moitos casos xa estaban concedidos, días libres…” e “decatámonos de que deixan o hospital sen servizo de UVI en ambulancia cuberto polo menos 11 días este mes, isto quere dicir, que ante unha urxencia tempo dependente se un paciente é subsidiario de ser trasladado a outro centro en presenza de facultativo e enfermeira debe esperar a que chegue o devandito servizo procedente de Ourense”.

Nesta mesma liña, a CIG Saúde emitía esta tarde outra nota de prensa, referíndose á “inasumíbel situación, de ter que esperar que se despraze un médico dende Ourense para recoller ao paciente e trasladalo cara alá, esta situación de non ter médico localizado para traslados de enfermos graves ou urxentes vaise dar 11 días neste mes, e non sabemos canto se vai manter no tempo”.

A este respecto, dende a Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco sinálase que “co principio reitor de mantemento da asistencia, tentouse coordinar o dereito a vacacións coa necesidade de manter o servizo, e non se denegou ningún permiso previamente establecido. Xullo e agosto son dous meses de alta demanda para vacacións polo que é imprescindible unha coordinación que garanta a atención, máxime ante a situación de pandemia”.

Así mesmo, dende a xerencia da área asegúrase que “no Distrito Sanitario de Valdeorras hai o mesmo número de enfermeiros/as de traslados que o resto do ano e, mesmo, nalgún momento refórzase en función das necesidades”.

Artigos relacionados

Back to top button