EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

A D.O. Ribeira Sacra espera recoller uns 6 millóns de quilos nesta vendima

O seu consello regulador vén de fixar o 25 de setembro como data recomendada para o inicio xeralizado da vendima nesta zona produtiva

 

Vendima na D.O. Ribeira Sacra./ Foto: CRDO Ribeira Sacra.

 

Na sesión que o pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra celebraba o 18 de setembro acordábase marcar como data recomendada para o inicio xeralizado da vendima nesta zona produtiva o vindeiro 25 de setembro, “prolongándose a recollida da uva ata mediados de outubro”, tal e como se informa dende este organismo.

O luns 27 de agosto iniciábanse os controis de maduración nas viñas que permitiron determinar non só o estado da uva, senón tamén a data oficial para o comezo da vendima neste ano 2018. Xa o 11 de setembro, o estado óptimo de madurez da uva nalgunas parcelas da zona de Amandi fixo que Adega Algueira empezase cos labores de recollida da uva, principalmente da variedade godello.

“Malia ser un ano marcado por unhas condicións climáticas non sempre favorables, a previsión é que a colleita deste ano ronde os seis millóns de quilos e sexa dunha calidade excelente”, segundo adiantan dende o CRDO Ribeira Sacra.

Polo de agora xa teñen recollido un total de 19.953 kg dos cales 8.056 kg corresponden á variedade mencía, 1.144 kg á merenzao, 10 kg á Garnacha, 6.261 kg á albariño, 360 kg a Dona Branca e 4.122 á godello.

Nesta campaña está previsto que elaboren viño baixo o amparo da D.O. Ribeira Sacra 95 adegas, das que 8 están realizando tarefas de vendima nestes momentos.

Artigos relacionados

Back to top button