En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras amparará os viños rosados

Así o decidía o pleno do seu consello regulador na sesión celebrada neste 29 de xullo

 

Os membros do Consello Regulador da D.O. Valdeorras reuníanse na mañá de hoxe, 29 de xullo, nun pleno no que se aprobaban todos os puntos da orde do día. Entre eles, o estudo e aprobación das modificacións no Prego de Condicións que permiten o amparo dos viños rosados, e escumosos tintos e rosados, elaborados polas adegas da comarca.

“Nós estamos cumprindo cos trámites necesarios para amparar estes viños, tanto o rosado coma o escumoso tinto e rosado”, asegura o presidente do C.R. D.O. Valdeorras, José Ramón Rodríguez Castellanos, tras o pleno. Trátase, engadía, dunha “moi boa nova” porque “temos que adaptarnos ás tendencias do mercado, e os rosados teñen demanda polo que é unha pena non aproveitala”.

A intención do Consello Regulador con esta aprobación antes do mes de agosto é “conseguir que a Xunta publique este acordo antes da vendima deste ano”. Así o explicaba Rodríguez Castellanos, consciente “das moitas adegas que elaboran este tipo de viños coas variedades de uva da comarca, que espera podan gozar do amparo na maior brevidade posible”.

Outros acordos plenarios

Neste mesmo pleno aprobábase a auditoría de contas do ano 2023 e a súa memoria, ademais da elección da empresa de contratación de vedores para a vendima 2024. Quedou aprobado tamén o acordo de paralizacón das catas en período de vendima e varios trámites administrativos no que a rexistros e certificacións se refire.

Back to top button