En portadaÚltima hora

A D.O. Valdeorras, na recta final da vendima con máis de 6,5 millóns de quilos de uva

A variedade godello volve ser a máis abundante na denominación de orixe, con preto de 4,3 millóns de quilos de uva producidos, segundo o CRDO Valdeorras

Labores de vendima en Valdeorras./ Foto: CRDO Valdeorras.

 

A vendima entra na súa recta final en Valdeorras. Tras mes e medio de traballo, na campaña da vendima 2022 lévanse recollido nesta denominación máis de 6,5 millóns de quilos de uva, segundo estiman os técnicos do Consello Regulador. Nestes momento o groso da vendima está rematatado nesta zona, pero aínda quedan algunhas adegas por rematar a recollida de uva.

Cos datos da campaña reunidos ata agora, dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras asegúrase que, “ao igual que en anos anteriores, a variedade godello volve ser a máis abundante na denominación de orixe, con preto de 4,3 millóns de quilos de uva producidos. Tras ela, por orde de relevancia, sitúanse a mencía (case 1,3 millóns de quilos), a garnacha tintureira (algo máis de 513.000 quilos) e a variedade palomino fino (284.778 quilos)”.

En menores cantidades e en sentido decrecente está a variedade sousón (40.531 quilos); a tempranillo (26.334 quilos); a albarello (8.209 quilos); a merenzao (6.914 quilos); caíño tinto (2.594 quilos); dona branca (2.505 quilos) e gran negro (363 quilos).

Gran calidade

Para o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, o dato cuantitativo “é mellor do agardado inicialmente” posto que as previsións fixaban que a produción rondaría os 5,5 millóns de quilos, debido ás xeadas que houbo no mes de abril coincidindo coa brotación da uva.

Porén, García Pando quixo enfatizar que máis relevante que a cantidade recollida é a calidade da uva, e “de novo, en Valdeorras, estamos ante unha campaña óptima nese sentido, con uvas que nos permitirán elaborar viños brancos e tintos que seguirán a ser referente para todo tipo de padais”.

Artigos relacionados

Back to top button