EntrevistasÚltima hora

“A de Mariana Pineda é a historia das mulleres ao longo do tempo”

Lucía Álvarez, actriz natural de Mouruás (San Xoán de Río), estrea este venres 15 de marzo en Ourense a obra teatral “Mariana”, na que interpreta a esta heroína do século XIX
A actriz Lucía Álvarez./ Foto: Cuco Cuervo.

 

Confesa que lle custou dar o paso para embarcarse no proxecto teatral de “Mariana”. Neste mónologo Lucía Álvarez, natural de Mouruás (San Xoán de Río), interpreta á heroína granadina Mariana Pineda, unha muller do século XIX que se enfrontou ao réxime absolutista de Fernando VII. “O texto chegoume tres anos antes de empezar a montaxe da man do dramaturgo José Ramón Fernández, e asustoume tanto que o deixei enriba da mesa porque non sabía como abordar iso. De vez en cando mirábao ata que un día José Ramón convidoume a un café e alí tamén estaba David Ojeda, o director da obra, e así empezamos a falar e xa nos metimos de cheo neste proxecto”, conta esta actriz.

Tras a súa preestrea a finais de febreiro en Xaén, esta montaxe da compañía Palmyra estrearase a nivel nacional en Ourense o vindeiro 15 de marzo ás 20:30h. no Auditorio Municipal (con entrada libre ata completar aforo). “Isto foi un empeño meu”, di Lucía Álvarez, “porque teño actuado por diferentes partes de España e, agás unha función que fixen na Pobra de Trives, nunca estiven pola provincia. Por iso cando empecei con este proxecto, que me parece tan potente e tan necesario, o meu empeño era estrear na casa”. A partir de aí esta peza comezará a moverse por outros escenarios e a súa intención é poder facer máis adiante unha xira por Galicia, e mesmo ofertar a función en galego. “A obra está traducida e xa a estou memorizando posto que me gustaría poder facela na nosa lingua”, destaca.

Na súa traxectoria como actriz, Lucía Álvarez ten combinado a televisión (con series como “Centro Médico” e “Cuéntame como pasó” de TVE, “Vivir sin permiso” de Telecinco ou “O sabor das margaridas” na televisión galega, recentemente galardoada nos Premios Mestre Mateo) co cine (“Dioses y perros”, “Todo es silencio” ou “Esperpentos”) e co teatro (“Las llenaré de ver sos” e “TRE-MENDAS”, entre outras funcións). Hai un mes subíase ao escenario do Teatro da Zarzuela de Madrid co espectáculo “Música entre amigas” (xunto á pianista Rosa Torres-Pardo, Ana Belén, Rocío Márquez e Marina Pardo), e aínda que agora mesmo “Mariana” é a súa prioridade, xa ten en marcha novos proxectos como dirixir a súa primeira curtametraxe.

¿”Mariana” é a súa primeira experiencia teatral cun monólogo?
É o primeiro monólogo desta envergadura. Anteriormente fixera outro de Darío Fo que dirixira Emma Cohen, pero de vinte minutos de duración e dentro doutra función teatral, é dicir, nada que ver. Aquí estou eu soa unha hora.

Preparar un personaxe histórico feminino deste tipo parece algo moi complexo…
Si porque Mariana existiu de verdade e logo está esa Mariana que nós creamos nas nosas cabezas como heroína. Como sempre sucede coas heroínas mitifícase, pero Mariana foi unha muller de carne e oso, coma min, que tiña as súas dúbidas, que se namoraba, sufría, que ría, que tiña dous fillos, unha vida… E iso foi o que tiven que investigar para facer a súa vida enteira, os seus lugares, os seus cheiros, as súas cores, as súas emocións… e así descubrín a esa muller. A heroína é a que se fai despois da morte. A de Mariana é a nosa historia, a historia das mulleres ao longo do tempo.

 

 

Lucía Álvarez interpretando “Mariana”./ Foto: Verónica Dávila.

 

¿Como foi ese proceso de preparación?
Tiven moita sorte. Se eu fago isto é grazas a David Ojeda, que me levou da man e traballou comigo moi a pouquiño e con moito agarimo. O personaxe foise facendo aos poucos e cun traballo moi artesanal e, pola miña banda, lanceime a piscina e deixime a pel con el. Documenteime incansablemente e agora son unha viciosa absoluta de todo o relativo a Mariana, leo todo o que cae nas miñas mans sobre ela, vexo todo, investigo todo… Penso que xa a coñezo bastante ben e descubrín que ela habitaba en min moito antes de eu sabelo, hai algo dela que estaba aquí e que saiu agora… Creo que habita un pouco en todas nós.

¿Como foi a preestrea? ¿que sensacións ten dese primeiro contacto co público?
A sensación é que estou contando o que teño que contar, que é moi necesario que saibamos quen fomos e o que tivemos que loitar para chegar ata aquí e poder decidir, sentir e pensar. E que somos o que somos grazas ás que foron e que temos que seguir empuxando para que mañá poidan ser aínda moito máis libres. Todo o mundo acabou emocionado e destacando isto, que é algo que me parece importante.

Pasaron varios séculos, pero a mensaxe da obra segue sendo moi actual…
Segue sendo tremendamente actual porque hai unha cousa moi acertada que David marca moito nesta montaxe que é como ás mulleres non se nos escoitou ao longo da historia, como nós falamos, e nos expresamos e pedimos explicarnos e non se nos escoitou. É esa xordeira xeral que, por sorte, agora mesmo estamos empezando a manifestar en alto todas nós. A Mariana xulgárona moito pola súa maneira de vivir, ela simplemente tiña moi claro a quen quería e o que quería facer e iso non estaba ben visto nunha época na que a muller tiña que estar metida na casa cosendo.

¿É duro facer este papel, tendo en conta o tráxico final desta muller?
Xusto a parte que nós tocamos na obra son os seus últimos días de vida e o seu axustizamento, así que é duro, pero non resulta angustioso de ver tal e como nos comentaba o público que xa o viu. O texto de José Ramón Fernández é absolutamente brillante e nel faise un percorrido por toda a historia desta muller pero no cárcere. Ela cóntanos quen foi e quen é, o que lle pasa e por que. Entón si é duro en moitos momentos de interpretar pola situación na que está e por como remata.

 

Esta actriz natural de Mouruás (San Xoán de Río), noutro momento do monólogo./ Foto: Verónica Dávila.

 

¿A que tipo de públicos está dirixida “Mariana”?
A todo tipo de públicos, de feito é a primeira función claramente inclusiva, iso quere dicir que a pode ver todo tipo de persoa con calquera discapacidade cognitiva: xordeira, cegueira… Esta ademais é unha linguaxe plenamente universal, de feito, Mariana Pineda era unha muller e a obra está escrita por un home, esta é unha mensaxe que temos que escoitar todos porque a sociedade témola que facer entre todos.

Nesta obra apóstase por unha escenografía sinxela e ponse o foco no personaxe, fronte a outras funcións de grandes montaxes e efectos, ¿ao público interésalle este tipo de propostas digamos máis minimalistas?
Máis que botar responsabilidade no público haina que botar nas institucións e nas distribucións, creo que nós si que estamos preparados para ver un montón de cousas e a xente vai, desfruta, opina e métese na viaxe que lle ofreces. Penso que o público está respondendo estupendamente ben e, en xeral, eu nas cousas que vou facendo non teño ningún tipo de queixa. O que si noto é que a moita xente non lle chega información, por iso fai falta que nos unamos a prensa e a distribución é que poñamos todos forza para que se vexan moitos proxectos interesantes que algunhas veces se dilúen por falta de eco. En realidade hai sitio para todos os proxectos, son moi partidaria dos equipos, de potenciarnos sempre todos entre todos e paréceme que o espectador necesita información, darlle liberdade.

Texto: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button