OurenseÚltima hora

A Deputación de Ourense presenta o programa provincial de Entroido en Cartelle

 

O auditorio municipal Cartelle, en Outomuro acollía o 11 de febreiro a presentación do programa provincial de entroidos 2020, que abrangue un total de 353 actividades que se desenvolverán desde o 12 de febreiro ata o 1 de marzo en 45 aldeas, vilas e concellos da provincia de Ourense.

Ao acto de presentación asistían o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde de Cartelle, Jaime Sousa. O entroido “é unha das nosas grandes riquezas etnográficas”, aseguraba Baltar, indicando que Galicia ten nove entroidos declarados de interese turístico e sete deles están na provincia de Ourense, e “ademais do triángulo de Laza, Verín e Xinzo, cos seus carnavais de repercusión nacional e internacional, temos en lugares como Cartelle entroidos tan senlleiros como os de Sande ou As Teixugueiras”, con personaxes básicos como as Bonitas, o Oso ou o Meco. “Estes o moitos exemplos máis representan a mostra da tradición, a idiosincrasia e as costumes dun pobo, o ourensán, que se transforma nesta data, como reflicte o programa que presentamos, un compromiso da Deputación por promover e difundir o noso entroido”, Baltar.

Do programa provincial de entroidos, que desenvolve a Deputación de Ourense, editaranse un mínimo de dez mil exemplares e preto de mil carteis, que serán distribuídos en concellos, entidades turísticas e establecementos de hostalería, xunto cun vídeo promocional, que se emitirá en televisión e que se difundirá nas redes sociais, “para darlle todo o relevo que merece esta festa, inherente á nosa alma como pobo”, expresou Manuel Baltar.

 

Artigos relacionados

Back to top button