A Deputación de Ourense vén de editar a obra As máscaras dos homes de Nós de Joaquim Ventura Ruiz. A obra foi seleccionada no concurso para edición e coedición de publicacións da Deputación do ano 2023 e súmase así ás numerosas edicións existentes ao redor da Xeración Nós, que contribúen a poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron referentes culturais como Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco ou Florentino López Cuevillas, presentes neste libro.
Coa publicación de As máscaras dos homes de Nós “a Deputación de Ourense amosa unha vez máis o seu firme compromiso con aquela xeración que se propuxo poñer a Galicia no lugar que lle corresponde, no contexto estatal ibérico, europeo e internacional e tamén en ligazón coa nosa emigración”, tal e como se sinala dende esta institución provincial.
Joaquim Ventura Ruiz contribúe con esta obra a seguir falando, repasando e debullando, baixo unha perspectiva persoal, o pensamento político e a gran influencia social e cultural dalgúns deses homes de Nós.
Esta publicación súmase á longa lista de libros editados pola Deputación e rende homenaxe ao legado cultural, social e científico que deixou a Xeración Nós, “contribuíndo así a salvagardar a súa gran obra e o compromiso con esta terra, berce da cultura galeguista que acolleu a numerosos escritores e poetas que protagonizaron un dos movementos máis importantes dos últimos séculos en Ourense”, destaca a entidade provincial.