OurenseÚltima hora

A Deputación pon en marcha unha campaña de promoción con sesións a 1 euro en balnearios da provincia

Para acceder ás sesións termais haberá que visitar o expositor da Deputación en Termatalia, onde o xoves 27, a partir das 16h. e por orde de chegada, poderanse reservar as datas e horarios dispoñibles

Solicitantes de sesións balnearias no expositor da Deputación.

 

A Deputación de Ourense, en colaboración cos balnearios ourensáns en Termatalia, pon en marcha unha nova campaña de promoción da saúde a través da cultura termal coa iniciativa “500 sesións a 1 euro”. Un programa que permitirá gozar aos usuarios das augas mineromedicinais a un prezo totalmente alcanzable.

Os balnearios participantes serán os cinco que contan nas súas instalacións con piscinas de augas termais para usos lúdico-terapéuticos: Laias, Cortegada, Lobios, Partovia e Arnoia que achegarán as 500 sesións balnearias que se distribuirán a partir do 28 de setembro e ata o 31 de outubro, de luns a domingo, en diferentes franxas horarias e cunha duración entre hora e media e dúas horas, en función do balneario.

Esta promoción ponse en marcha coincidindo coa XXII Feira Internacional do Turismo Termal, Saúde e Benestar (Termatalia), e poderán participar todas as persoas que acudan a esta feira en Expourense.

 

 

Para acceder ás sesións termais haberá que visitar o expositor da Deputación de Ourense en Termatalia, onde o xoves 27, a partir das 16 horas e por orde de chegada, poderanse reservar as datas e horarios dispoñibles nos cinco balnearios, ata que se vaian esgotando cada unha das quendas habilitadas. Para a reserva das sesións será necesario o seu abono no propio expositor, sendo imprescindible facer o pago mediante tarxeta bancaria ou Bizum.

A través da área de Benestar, a Deputación habilita o teléfono 988 317 760 para responder a calquera consulta ou dúbida sobre esta promoción termal.

Artigos relacionados

Back to top button