ConcellosÚltima hora

A directiva de AEVA reúnese co alcalde do Barco para abordar o proxecto de humanización da travesía

Imaxe da estrada xeral do Barco./ Foto: A.R.

 

Tendo en conta que o prazo para presentar suxerencias á proposta de Humanización Travesía da N-536, que afectará o tramo de estrada N-536 entre a zona industrial da Proba e a ITV do Barco, está aberto ata o próximo día 10 de abril, representantes da xunta directiva da Asociación Empresarial de Valdeorras mantiña unha reunión co alcalde do Barco, Alfredo García.

Tras estudar a proposta, a xunta directiva de Aeva plantexáballe ao rexedor, entre outros temas, a cuestión da eliminación de prazas de aparcamento: “A previsión inicial é reducir 200 prazas e crear ao redor de 400 nos denominados aparcamentos disuasorios, que serían os seguintes:
– Aparcadoiro Centro Médico e Piscina (4.500 m2): 160 vehículos.
– Aparcadoiro Paseo do Malecón (4.500 m2): 160 vehículos.
– Aparcadoiro Río Cigüeño (1.500 m2): 100 vehículos”, segundo a información de AEVA.

“Expuxemos a problemática que pode xerar a distancia entre os aparcamentos disuasorios e o centro da vila e os posibles prexuízos para o comercio, a hostalería e o sector servizos polo feito de que as persoas con mobilidade reducida, as que se desprazan en vehículos ao Barco desde outros lugares de residencia, ou os traballadores de empresas situadas nos arredores non poidan acceder ao centro se non é camiñando ou en bicicleta. O alcalde sinala que o proxecto afecta exclusivamente o tramo de estrada N-536 entre a zona industrial da Proba e a ITV e que, por tanto, mantéñense e ampliaranse os aparcamentos de rotación (zona azul) nas bocalles de todo o centro do Barco”, indican dende AEVA.

Ademais os empresarios tamén lle preguntan por outros “aparcamentos para favorecer a rotación, ante o que o alcalde expón a posibilidade de converter o aparcadoiro da estación de Renfe e o do Paseo do Malecón en zona azul, e construír un aparcamento subterráneo neste último”.

Sobre as zonas de carga e descarga, “seguiranse contemplando zonas de carga e descarga para facilitar o desenvolvemento da actividade comercial e hostaleira; aínda que non están especificadas nesta proposta, si se concretarán no proxecto definitivo”, din dende AEVA.

Outra das cuestións que AEVA lle expoñía ao alcalde era a posibilidade  “de implantar un servizo de transporte público, a través de vehículos eléctricos, para favorecer a mobilidade desde os aparcamentos disuasorios cara ao centro do Barco, e o desenvolvemento sostible da contorna. O alcalde manifesta que están a valorar esta posibilidade porque haberá opción de financiar este servizo con fondos europeos, mesmo tamén a implantación dun sistema de transporte que conecte coas aldeas”.

Finalmente, sobre a tramitación da proposta de humanización travesía N-536, AEVA apunta que o rexedor barquense sinala que “se trata dunha memoria inicial que posteriormente se transformará en proxecto, no que se concretarán todos os detalles relativos á carga e descarga, aparcamentos de rotación, sinalización, sentidos de circulación, etc.,. A redacción definitiva e posterior execución do proxecto encargarase ao Ministerio de Transportes. Trátase dun dos proxectos propostos polo goberno central para recibir financiamento de fondos europeos”.

Artigos relacionados

Back to top button