EconomíaEconomíaÚltima hora

A directora xeral de Mobilidade clausura en Lugo a asemblea anual de Apetamcor

 

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participaba esta mañá en Lugo na clausura da asemblea xeral ordinaria da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (Apetamcor), que preside o valdeorrés Javier Adolfo Diéguez e cuxa xerente é Myriam Otero. Nela abordouse a actividade anual e púxose en valor a representatividade e traballo desta entidade co obxectivo de garantir a máxima eficiencia e calidade no transporte de mercadorías na comunidade.

Judit Fontela lembraba na súa intervención, entre as medidas do goberno galego, o plan estratéxico para o desenvolvemento dunha rede galega de aparcadoiros seguros para o transporte de mercadorías co obxectivo de acadar 2.200 prazas nos próximos anos. Así, a área de transportes do Ceao, no concello de Lugo, que conta cun aparcadoiro para vehículos pesados de máis de 80 prazas con servizos asociados, foi modernizada para adaptala ás novas exixencias do mercado.

Trátase dunha medida moi demandada polo sector que vai dirixida a mellorar a seguridade e condicións laborais dos profesionais do transporte, dicía a directora xeral, indicando que a Xunta, con esta actuación, busca mellorar os servizos aos transportistas na comunidade autónoma, sempre en coordinación con entidades públicas ou privadas, asociacións e administracións que compartan o mesmo obxectivo.

Por outra banda, a Xunta colabora na formación dos profesionais deste sector e este ano inviste 500.000 euros nas subvencións anuais dirixidas á realización de actividade formativas para o colectivo do transporte en Galicia ofertadas por entidades colaboradas da Administración autonómica e integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada.

Fotos cedidas.

Back to top button