EntrevistasÚltima hora

“A Electricidade é unha familia profesional en continuo crecemento e con alta inserción laboral”

O prazo de matrícula no IES Xermán Ancochea de Trives é, do 25 de xuño ao 10 de xullo para ESO e Bacharelato; e do 25 de xuño ao 5 de xullo para FP

Publicidade

 

A orixe do instituto da P. de Trives, famoso pola sección de Formación Profesional (familia de Electricidade), remóntase case corenta anos atrás, cando en 1985, tras seis anos como sección delegada do Martaguisela do Barco para impartir os estudos de Bacharelato, se construía o edificio que bautizaron co nome de IES Xermán Ancochea Quevedo, en homenaxe ao que foi pioneiro da matemática española natural de Trives. Con todo, a FP existía xa na vila dende moito antes.

Corría o ano 1945 cando a empresa Saltos del Sil recibía por parte do INI a concesión da conca hidrográfica do río Sil para a produción de enerxía eléctrica. “Uns anos despois de chegar a Trives, a piques de rematar as obras, danse conta de que necesitan persoal cualificado sobre todo de Mestría Industrial, co cal deciden crear unha escola en Montefurado”, explica Francisco García, director do instituto dende hai 8 anos.

Esta escola funciona dende 1958 ata 1961 pero quédase pequena e tras un acordo cos Irmáns das Escolas Cristiás créase un centro propio de FP na vila de Trives inaugurándose en 1962 o colexio Virgen de la Luz, onde se impartían as ensinanzas de Preaprendices, Aprendices, Oficiais e Mestres Industriais. Convertíase así na escola de referencia de todo o oriente ourensán ata que no ano 1975 pasa ao sistema público como sección delegada do Instituto da Carballeira de Ourense, chegando a ser centro autónomo en 1977 impartíndose ensinanzas das familias profesionais de Administrativo, Delineación e Electricidade.

E era xa no curso 98/99 cando se incorporaba ao instituto, manténdose como referente na FP para todo o oriente ourensán, aínda que o director recoñece que este ano está custando conseguir os alumnos mínimos para manter os tres niveis cos que conta.

 

Taller de electricidade no IES Xermán Ancochea.

 

¿Que oferta educativa ten o IES Xermán Ancochea actualmente?

ESO con seccións bilingües (materias que se imparten o 50% en galego e o 50% en inglés), Bacharelato polas modalidades de Ciencias e Humanidades e Ciencias Sociais. En Formación Profesional impártense tres niveis: FP Básica de Electricidade e Electrónica, Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas e Ciclo Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados.

¿Cal é a data de matrícula para o vindeiro curso 2021/2022?

Para ESO e Bacharelato, do 25 de xuño ao 10 de xullo. E para os ciclos de FP, a preinscrición e a matrícula, do 25 de xuño ao 5 de xullo.

O IES Xermán Ancochea sempre destacou pola FP. ¿Que diferencia a este centro doutros?

O principal é que o Ciclo Superior de Sistemas Electrotécnicos e Automatizados só se imparte no IES 12 de Octubre de Ourense e en Trives, co cal somos o centro de referencia para todo o oriente e sur ourensán e sur de Lugo. Xente de Verín, A Gudiña, Viana, Valdeorras e Quiroga están vindo aquí.

Outra singularidade do centro é que conta cunha altísima inserción laboral. Os que completan os estudos, en menos de seis meses están traballando en empresas punteiras do sector eléctrico porque contamos hoxendía con máis de 35 convenios de prácticas. Hai moitas empresas que demandan alumnado porque se trata dunha familia profesional da cal cada vez vai ter máis dependenza a sociedade. De feito a electricidade pasou a ser a principal fonte de enerxía tanto para o ámbito doméstico como industrial e incluso en automoción. Trátase dun sector moi cambiante, moi dinámico, con moita mobilidade laboral polo que non hai suficientes técnicos para a demanda que hai.

 

Fachada do IES Xermán Ancochea Quevedo.

 

Entendo que sobre todo dos formados no Ciclo Superior.

Efectivamente, porque ademais de permitir entrar nunha empresa, capacita aos alumnos como futuros autónomos xa que saen co carné de instalador en Electricidade e Electrónica, e tamén co carné básico de instalador de Telecomunicacións, capacitándoos para montar empresas. De feito moitos electricistas de Valdeorras saíron deste centro.

¿Que diferenza hai entre a formación do Ciclo Superior e a do Medio?

Hai moitos perfís de técnicos (oficiais, montadores, distribuidores,…) e o Ciclo Medio digamos que é para un oficial e o Superior xa para os máis emprendedores e tamén para capataces, proxectistas, encargados,… As grandes empresas do sector inclínanse por profesionais deste ciclo.

¿Que outras peculiaridades ten a familia profesional de Electricidade?

Segundo o último estudo da Consellería no ano 2017, esta é a terceira da FP de Galicia en inserción laboral e en rapidez. É dicir o 95% dos alumnos que conseguen traballo fano antes de 6 meses de ter concluídos os estudos e deles, só o 5% ten que saír fóra da comunidade. Ademais, como agora as empresas buscan paridade, ser muller e interesarse por esta familia profesional supón ter máis presenza e romper o cliché de que é un traballo de homes.

Texto: Mónica G. Bellver
Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button