
Neste mediodía chegaba á súa fin unha edición moi diferente e especial da Feira do Viño de Amandi en Sober. Desenvolvíase nesta fin de semana do 5 e 6 de decembro cunha mostra limitada só a profesionais (para dar cumprimento ás normas sanitarias en vigor e previr contaxios de Covid-19), que podían catar no Pazo de Sober unhas 60 referencia de 28 adegas da subzona de Amandi (D.O. Ribeira Sacra).
Así, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, clausuraba a XL Feira do Viño de Amandi xunto á directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entre outros representantes públicos de diferentes administracións. O rexedor lembraba a importancia de seguir poñendo o foco nun sector “básico para o noso Concello”, polo que houbo que reinventarse e non deixar pasar esta edición da feira. Insistiu na importancia de apostar polo viño da subzona de Amandi, ou de calquera outra da D.O. Ribeira Sacra, durante estas festas e recordou que Sober seguirá adiante este mes coa campaña #Amandízate, coa que o goberno local pretende “encher de Amandi os fogares e tamén as redes sociais”.
Antes da clausura procedíase á entrega dos galardóns da cata oficial da mostra. Nesta edición, na categoría de viños tintos xoves resultaban galardoados Cruceiro, Viña Cichón e Viña Mezquita (os tres gañadores), mentres que na categoría de brancos a distinción correspondíalle a Finca Cuarta e na de viños doutras anadas a Garoubas 18.
Os encargados de facer entrega dos premios (unha peza exclusiva de Gundivós) eran o alcalde de Sober, Luis Fernández (ao Concello convidado este ano, A Peroxa), a directora de Turismo, Nava Castro; o director da estación enolóxica de Galicia, Juan Casares; o director xeral de Agacal, José Luis Cabarcos; o deputado da Área de participación cidadá, Roberto García; e o alcalde da Peroxa, Manuel Seoane.
O panel da cata oficial estaba composto por David Ledo Varela, enólogo de Adega Valdés (Rías Baixas) e membro da Asociación Galega de Enólogos; Cristina Mantilla González, enóloga e profesora do ciclo superior (Escola de Hostalería F. Belarmino Fernández Iglesias); Mayra Ratón Fernández, enóloga, membro da Asociación Galega de Enólogos e membro do panel de cata C.R.D.O. Ribeira Sacra; Luis Díaz, xornalista especializado; Natalia Cid Mayo, sumiller, Grupo Montesequeiro e Manuel Corralero Geanini, sumiller do Hotel Plaza (A Coruña) e membro da Asociación de Sumilleres de Galicia (Gallaecia).
Fotos: Concello de Sober.