
Despois de pouco máis dun mes de traballo no Castrillón (Larouco), este xacemento valdeorrés comeza, pouco a pouco a desvelar os seus segredos da man do equipo de Xeitura S.Coop.Gal. A intervención principiaba en outubro, cunha primeira fase de limpeza, roza e desbroce, que logo daba paso a unha segunda parte, xa en novembro, na que a actuación estase a centrar na investigación arqueolóxica, incluíndo dúas sondaxes en diferentes zonas para intentar datar o xacemento.
Tras a primeira fase, o xacemento amosa “a combinación de até catro foxos escavados en rocha na zona norte do xacemento arqueolóxico, coincidindo coa zona de acceso natural”, segundo anunciaban os investigadores, tras o seu primeiro rexistro fotográfico.
E agora Xeitura vén de anunciar a localización dunha “cabana de estrutura angular feita en pedra, cun sistema construtivo moi semellante ao visto noutros xacementos castrexos como o do Castro da Saceda, situado no concello de Cualedro”.
Esta actuación arqueolóxica, a primeira que se leva a cabo neste xacemento, partía do Concello de Larouco e está promovida pola Consellería de Cultura, en concreto pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no marco do Xacobeo 2021.