ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

“A Esmorga” abre a Semana Cultural de Vilanova

O director do filme, o valdeorrés Ignacio Vilar, explicaba o proceso de realización e as singularidades da rodaxe

“Para min ten sido unha das películas máis difíciles e máis duras que fixen”. O director de cine Ignacio Vilar comezaba deste xeito a presentación do seu último traballo, “A Esmorga”, nunha praza de Vilanova (O Barco) ateigada de público na noite do 10 de agosto. Coa proxección desta longametraxe, que supón a quinta na traxectoria deste valdeorrés, abríase a XXII Semana Cultural de Vilanova, que organiza a Asociación Cultural O Mosteiro.

Vilar detallaba antes do pase deste filme, baseado na novela homónima do ourensán Eduardo Blanco Amor, as dificultades da rodaxe comezando xa polo complicado que foi seleccionar aos tres protagonistas e lograr que funcionase a relación entre eles, “xa que sen ela non habería película, non habería historia”. Finalmente logrouno e os personaxes foron encarnados por Miguel de Lira (Cibrán), Karra Elejalde (Bocas) e Antonio Durán “Morris” (Milhomes).

Tamén se refería ás duras condicións nas que se desenvolveu a rodaxe, realizada principalmente na cidade de Ourense e en lugares próximos á capital. “Normalmente as rodaxes fanse no verán, pero nós traballamos 11 horas diarias en xaneiro, febreiro e marzo con choiva. Pero iso era fundamental, crear esa atmósfera de frío e choiva porque é algo que empuxa aos personaxes ao seu destino”, destacaba o director.

De seguido os veciños de Vilanova podían ver a película, proxectada ao aire libre, e ao seu remate tiña lugar un coloquio.

Fotos: Carlos G. Hervella
Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button