A Estación de Montaña Manzaneda segue sumando servizos e instalacións. Agora estrea un rocódromo indoor, situado no pavillón polideportivo que permitirá a celebración do Open de Escalada, previsto para setembro. O rocódromo, de máis de 8 metros de altura e 7,5 metros de ancho, conta con 7 vías ou rutas polas que se pode escalar, 5 delas por zona esborrallada e as outras dúas por placa vertical. Ademais, ten tres aseguradores que permitirán ao deportista ancorarse para realizar a escalada de forma individual e descender a unha velocidade controlada.
Tal como adiantan dende a Estación, a instalación utilizarase a partir de agora para actividades previamente programadas, ademais de para acoller competicións e adestramentos.
Alfonso Böck, presidente do Club Asesou que organiza o Open de Escalada que se celebrará na Estación a finais do verán, asegura que o rocódromo indoor “permitirá seguir ampliando unha rede de afeccionados á escalada que está a aumentar significativamente nos últimos anos”. El mesmo explica que este deporte “está en auxe e estas instalacións de Manzaneda contan cunhas características idóneas para a práctica de nenos e nenas en idade escolar, ademais de para realizar campamentos, competicións e diferentes actividades”.