DeportesÚltima horaVídeos

A Estación de Montaña Manzaneda pon a punto os canóns para a vindeira tempada de inverno

 

Despois dunha completa tempada de verán, que oficialmente non terminará ata o vindeiro domingo, co peche do bike-park, a Estación de Montaña Manzaneda empeza xa a preparar a tempada de inverno coa posta a punto de todas as súas infraestruturas asociadas: canóns, balsas, telecadeiras, remontes, canalizacións, sinalización ou pistas.

Tal como explican dende a Estación, “hai uns días estiveron os técnicos da empresa italiana Demaclenko, a que instalou os canóns, para a súa revisión definitiva despois das probas previas realizadas polo equipo de mantemento da propia Estación”. Así, os 29 canóns quedaron listos para a fabricación de neve en canto se dean as condicións meteorolóxicas, tanto de temperatura como de humidade, á espera tamén da apertura oficial da tempada de inverno, para a que se barallan as datas do 22 ou o 29 de novembro.

 

 

En paralelo, “procedeuse á preparación das balsas de auga, estando xa chea a superior e practicamente no mesmo estado a segunda, preparadas ambas para entrar en funcionamento, en canto sexa necesario”, indican dende a Estación.

Con relación aos remontes, “reparado desde o mes de xuño o desembragable e actualizado agora o de pinza fixa (foron substituídos os asentos e recortada a cadea), quedan xa só pendentes das probas de carga, que levarán a cabo durante as próximas semanas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button