DeportesÚltima hora

A etapa raíña da volta ciclista ‘O Gran Camiño 2023’ terá final en Rubiá

O percorrido, previsto para o 25 de febreiro, será unha "homenaxe á veciñanza e ás aldeas de Valdeorras afectadas polos lumes deste pasado verán"

 

A volta ciclista “O Gran Camiño 2023”, que celebrará a súa segunda edición do 23 ao 26 de febreiro converterá de novo á provincia de Ourense na protagonista da etapa raíña, a terceira e penúltima da proba, con saída en Esgos e chegada en Rubiá. Un percorrido “homenaxe á veciñanza e ás aldeas de Valdeorras afectadas polos lumes deste pasado verán”.

Así o aseguraban os organizadores, na presentación realizada na mañá deste martes 27 de decembro no “patio termal” da Deputación de Ourense coa asistencia do presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, e os exciclistas Ezequiel Mosquera e Óscar Pereiro, promotor e embaixador da proba, respectivamente. Tamén estiveron presentes o alcalde de Esgos, Mario Rodríguez, e o director deportivo do Club Ciclista de Maceda, Xulio Conde.

Para Manuel Baltar, “a homenaxe que a etapa ourensá de O Gran Camiño vai render a unha terra devastada polos incendios forestais, fala moito, claro e en maiúsculas da solidariedade, que é un dos principais valores do ciclismo”. Un percorrido pola provincia, destacou tamén o presidente da Deputación, que dará protagonismo “a un concello como Esgos, berce da Ribeira Sacra, que xa se converteu nunha postal viva e permanente do ciclismo”.

Manuel Baltar agradeceu a Ezequiel Mosquera unha proposta “que porá de novo de actualidade ás terras ourensáns, con retorno económico que sen dúbida ten o ciclismo”. A Deputación, engadiu, “está para recibir ideas como estas e para achegar a nosa capacidade de visión do territorio, sobre todo cunha proba que terá continuidade no futuro, mesmo no ciclismo internacional”.

Máis información na vindeira edición en papel de O Sil Deportivo.

 

Artigos relacionados

Back to top button