CulturaCulturaÚltima hora

A exposición “Entroido, mobiliario vestido” de Piquico, antesala da IX ViBoMask en Viana

A mostra inaugurarase na tarde deste sábado 20 de abril na sala de exposicións do Concello

 

“Dise que os personaxes do Entroido non se disfrazan, vístense”, asegura o artista vianés Piquico, que levou ese dito á práctica na súa obra “Entroido, mobiliario vestido”. Boteiros, a Mula e o Maragato, Felos, Mázcaras… poboan dun xeito singular esta colección na que Piquico desprega a ritualidade do Entroido tradicional galego (e mesmo do norte de Portugal) e que agora pode verse na sala de exposicións do Concello de Viana do Bolo. Esta mostra constitúe a antesala do IX Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask, que se celebrará na fin de semana do 27 e 28 de abril en Viana do Bolo e Vilariño de Conso.

 

 

“Mobiliario vestido pretende mostrar a continuidade entre corpo, roupa e moble. Representar unha conxungación entre o atávico da festa e a modernidade, xogando cos personaxes do Entroido, o seu animalario, como a Mula ou o Oso e os elementos típicos e simbólicos desta festa. O resultado son esculturas-personaxe “vestidas” de mobiliario ou ao revés”, explica o artista.

 

 

Resultan pezas orgánicas, que xogan co contraste, a cor ou a textura. Nelas emprégase a madeira, pero tamén a lousa, a pedra, o mármore, o granito, o papel de parede, ferro, cobre e mesmo, en varios casos, a iluminación.

Ademais da mostra de Piquico, tamén pode verse na sala unha exposición de fotografías de anteriores edicións da ViBoMask.

 

Artigos relacionados

Back to top button