Despois de pasar por diferentes espazos como o Castelo de Monterrei, o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ou a Casa de Galicia en Madrid, a exposición “Entroido. Mobiliario vestido” do escultor Ángel Manuel Rodríguez Romero, Piquico, chega agora á Casa da Cultura de Chantada (Lugo) comisariada por Manuel Estévez.
Nesta mostra, a obra deste artista vianés homenaxe ás figuras de diferentes Entroidos. As súas esculturas van vestidas coma se fosen mobiliario, xa sexa andel, armario ou lámpada, con motivos de “entroido”, que son presentados de forma simbólica ou anecdótica, como espello do sentir desta festa. O creador conxunga o atávico e o moderno: dende o Boteiro e a Mula vianesas ou a Pantalla de Xinzo de Limia, ata o Peliqueiro, o Cigarrón, a Madama de Cobres, o Cabalo dos Xenerais da Ulla, o Volante de Santiago de Arriba,…
Tal como explica o propio artista, son obras “basicamente figurativo-xeométricas nas que interesa a expresividade, a masa descuberta, a forma ou a anatomía. Pezas orgánicas, xogando á vez co contraste da pura xeometría do mobiliario, o cubismo e a idea de corte, de ensamble, de bloque, ou de desbaste. Móstrase desde o máis duro todo o máis brando ou o máis áspero, xogando coa cor ou a textura provocados polas ferramentas e a forma”.
Para crealas Piquico bota man, principalmente, da madeira de varios tipos, pero tamén da lousa, pedra, papel de parede, da mármore, granito, ferro ou a iluminación. Os acabados das pezas van desde os naturais ou pulidos ata a policromía, pigmentación, lacado ou lustre, “dando brillantes transparencias de cor, efectos de esmaltado. A propia materia orgánica, xunto coas cristalinas transparencias ou material lacado, simbólicamente contrapostos, tentan conciliarse e simbolizar o representado”, indica o autor.
A exposición inaugurarase o vindeiro venres 8 de marzo ás 18:30 horas e poderá visitarse ata o día 30.