A RúaConcellosÚltima hora

A exposición sobre o atleta vilamartinés Luis Nogueira recala na Rúa

O seu acto inaugural está previsto para ás 18h. na Casa da Cultura desta vila

 

A mostra “O seu destino era chegar a o que foi”, que rende homenaxe ao atleta Luis Nogueira, natural de San Vicente (Vilamartín de Valdeorras), inaugurarase mañá 14 de outubro na Casa da Cultura da Rúa ás 18h.

“Despois de pasar polos concellos de Vilamartín, con 250 visitas e O Barco de Valdeorras, con 380 visitas, a exposición chega a Rúa de Valdeorras”, explican os promotores da mostra. “Nesta ocasión preséntase unha versión reducida, para poder adaptarse ao espazo expositivo, pero seguirase facendo un percorrido pola súa vida e poderémonos achegar a obxectos persoais, como a súa xavelina coa que gañou numerosas competicións deportivas. Ademáis de deportista, Luis era aficionado á lectura, á escritura, á fotografía, amante da súa terra, da natureza, de conectar coa xente… De todas estas experiencias proceden as fotos e os escritos que se amosan na exposición e que pretenden reflectir o seu modo de ser e vivir”.

A exposición permanecerá aberta dende o venres 14 de outubro ata o luns 14 de novembro, momento no que será trasladada a Petín para seguir, dese xeito, o seu percorrido pola comarca de Valdeorras.

O horario para poder visitar a exposición será os luns de 16h a 20h, de martes a venres de 10h30 a 13h e de 16h a 20h e os sábados de 10h a 13h30, na Casa da Cultura de A Rúa.

Artigos relacionados

Back to top button