Non só a especialistas do sector atraerá a Feira da Pataca e Maquinaria Agrícola de Xinzo, Alimagro, que nesta segunda edición une as dúas citas nun mesmo espazo e fin de semana e inclúe dende degustacións gastronómicas ata animación musical e infantil. Aínda que os expositores instalaranse no pavillón municipal e nos seus exteriores e neste emprazamento levarase a cabo o groso da programación, dúas xornadas porán en valor a agricultura e celebraranse na Casa da Cultura. A primeira delas, prevista para mañá as 9 horas, terá como tema central a produción ecolóxica. A iniciativa, organizada por Agacal e a Consellería de Medio Rural, será o acto previo a apertura das portas do recinto feiral (10 horas) e á inauguración oficial (12 horas). A segunda xornada-coloquio programouse o sábado ás 11:30 horas e nela falarase sobre as novas aplicacións da agricultura e será dirixida pola empresa Mooxvice.
Mañá, venres 3 de setembro, serán dúas as degustacións que terán á pataca como protagonista. A primeira será ás 13 horas a segunda ás 19 horas, ambas no stand do Consello Regulador e repetiranse o sábado no mesmo horario e lugar. A música cobrará protagonismo o sábado con Cantigas Populares Galegas a cargo do Coro Aimil Folk de Xinzo de Limia.
A xugada das vacas do Ángel de Morgade percorrerá o recinto feiral o domingo ás 11 horas, mentres que para as 11:30 programouse un obradoiro de gastronomía saudable e sostible titulado “O papel da pataca”, a cargo do chef Carlos Parra do Castelo de Maceda. A actuación da Banda de Gaitas de Xinzo de Limia pechará a feira deste ano, que volve con forza despois de que o ano pasado tivera que suspenderse pola pandemia.
No interior do pavillón instalarase todo o relativo á pataca, da man de produtores, asociacións ou almacenistas, entre outros profesionais relacionados co sector. Nos exteriores copará toda a atención a maquinaria agrícola. A programación tamén pensa nos máis pequenos da casa e así, durante o horario da feira, haberá ruta de tractores e inchables gratuítos.
Nun momento no que a pandemia obriga a extremar as precaucións, seguiranse todas as medidas de seguridade e protocolos. Así, estableceuse que a entrada e saída do recinto feiral será entre o parque da Alameda e o parque do Toural.