
Como cada ano dende hai 15, salvando os da pandemia, Punxeiro (Viana do Bolo) celebrará a nova colleita e o viño recén elaborado coa súa Festa da Vendima-Ruta das Adegas, prevista para o 14 de outubro mantendo un esquema moi similar ao de anos anteriores. O ano pasado reunía a unhas 1.300 persoas.
Organizada pola Comisión de Festas de Punxeiro coa colaboración do Centro de Animación desta localidade e contando co patrocinio do Concello de Viana e outras entidades e empresas, a cita incluirá degustación do viño novo e pinchos típicos da zona nas diferentes adegas do pobo, tralo pregón previsto para as 19 horas na praza.
Como en toda cita festiva que se precie non faltará a música coas charangas BBB, Cansibailas e Bicoia que acompañarán aos asistentes durante a ruta; e tamén o grupo América de Vigo (a partir das 23 horas) e a orquestra Tango.
As entradas custarán 15 euros anticipada, á venda en Ferretería Bibei e Triskel; e 20 euros no pobo.
Para quen desexe quedar en Punxeiro haberá zona de acampada libre e tamén buses que sairán ás 17 horas da praza de Viana con regreso ao final da festa.