En portadaÚltima hora

“A festa vai ser protagonista do pregón, pero tamén os recordos, reflexións e algunha reivindicación”

Julio Mourelo abrirá esta tarde as festas do Cristo 2023 no Barco coa lectura do pregón ás 21h. na praza Maior

Julio Mourelo./ Foto: A.R.

 

As festas do Cristo eran unhas datas moi especiais para Julio Mourelo. Pasábaas entre a churrería dos seus pais no Porto da Barca e as diferentes zonas da festa, que décadas atrás se facía na parte vella da vila, pero tamén no cine. Era un tempo no que se rompía a monotonía co ruído das bombas e co son da música. “A chegada das festas producíame unha sensación de nerviosismo e inquietude por ver o que viría. Sempre me gustaron moito as bandas e as orquestras, que tocaban nun palco municipal, feito con puntais de madeira de chopo ou de piñeiro, que poñían na praza Maior. Lembro ver actuar aos Trintas de Trives e a boas orquestras, moi diferentes ao espectáculo que vemos hoxe, xa que naqueles tempos a xente ía ao baile, porque só se bailaba cando había festa”, conta Julio Mourelo Fulgueraulio.

Dende entón ata hoxe, xa con 79 anos, son moitas as vivencias e emocións que este veciño do Barco, moi coñecido e apreciado, conserva ligadas ás festas, que viu cambiar e evolucionar ao longo das décadas. Boa parte delas compartiraas no pregón co que abrirá o Cristo 2023, nun acto previsto para este 13 de setembro ás 21h. na praza Maior da vila.

”É unha honra que te elixan para estas cousas, pero o certo é que foi toda unha sorpresa. Para min o máis valioso é o aprezo das persoas e o respecto, e neste caso vou intentar aportar o meu gran de area”, confesa este traballador de banca xubilado, mentres se afana en preparar diante do ordenador a súa intervención no pregón.

Nese discurso a festa vai ser protagonista, “pero tamén eses recordos que hai do pasado, algunha reflexión e meditación e mesmo un pouco de reivindicación…”, adianta. Para Mourelo as festas, xa dende a nenez, principaban co novenario. “Recordo acompañar ao meu pai que formaba parte do coro que dirixía Joaquín Gómez Gayoso e que se facía polas festas. Eu ía de oínte e lembro que aquelas novenas eran solemnes, o mesmo que a misa maior que se celebraba no interior da igrexa. Nela cantábase unha misa en latín, a misa Perosi. Son ciclos, etapas que vas pasando na vida e que rememoras con alegría”, comenta.

De feito, coincidindo co derradeiro día da novena do Cristo, neste 13 de setembro este barquense lerá o pregón que dará a benvida as festas grandes do Barco.

Máis información sobre o pregoeiro e as Festas do Cristo 2023 no Barco “Especial Cristo” en papel do Periódico O SIL

O Sil pon na rúa o seu “Especial Cristo 2023”, con motivo das festas do Barco

Artigos relacionados

Back to top button