En portadaÚltima hora

A finalización do proxecto construtivo do tramo A Veiga de Cascallá-O Barco da A-76, prevista para maio do 2019

Así o sinalaba o secretario xeral de Infraestruturas ante unha pregunta formulada na Comisión de Fomento do Congreso polo deputado ourensán Celso Delgado Arce
O secretario xeral de Infraestruturas, Izquierdo na Comisión de Fomento do Congreso.

Maio de 2019. Esta é a data que se prevé para o remate da redacción do proxecto construtivo do tramo A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada). Así o anunciaba o secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, José Javier Izquierdo Roncero, dando resposta a unha pregunta que lle formulaba o deputado ourensán do PP no Congreso, Celso Delgado Arce, durante a Comisión de Fomento celebrada na mañá do 18 de outubro. “É unha actuación complexa dende o punto de vista técnico e que leva uns tempos que están marcados nos contratos que nós herdamos do anterior goberno do PP. Con arreglo ao que se establece neses contratos a previsión de finalización do proxecto construtivo é maio de 2019”, dicía Izquierdo.

Delgado Arce destacaba na súa exposición a importancia desta autovía para Valdeorras, xa que “é un eixo estratéxico para a vertebración da Galicia interior e para o acceso a Galicia dende Castela e León e a meseta, porque está conectado coa A-6”, incidindo en que “vai mellorar notablemente os tempos de percorrido e as condicións de seguridade dos usuarios e vai evitar o paso por numerosos núcleos presentes ao longo de todo o trazado da N-120”. Tamén lembraba que este é o tramo máis avanzado do proxecto, cunha lonxitude de 8,5 km e un orzamento estimado de execución de 41,85 millóns de euros (IVE incluído).

 

O deputado Celso Delgado Arce (PP), durante a súa intervención sobre a A-76 na Comisión de Fomento.

Tras escoitar a resposta do secretario xeral de Infraestruturas sobre a data de remate da redacción do proxecto, Delgado comentaba que “as informacións que vostede recibe e as que eu teño recibido anteriormente veñen do mesmo lugar, da Dirección Xeral de Estradas, da Demarcación do Estado en Galicia, e as informacións que se me trasladaron por condutos oficiais a min e á sociedade valdeorresa eran que o proxecto ía ser aprobado inexcusablemente antes de que terminase este ano”. Sinalaba tamén que “nós non podemos permitir esta demora que, dende logo, nunca foi posta no noso coñecemento polas mesmas persoas que elaboran os dossieres cos que vostede comparece aquí e nos informa” e pedíalle ao secretario xeral “encarecidamente” que “se tomen en serio esta autovía, o impulso que hai que darlle pasa por que non se dilaten sine die os prazos que tiñan sido comprometidos”.

No seu turno de palabra o secretario xeral de Infraestruturas respondíalle a Delgado Arce asegurando que “vostede vén a dicir que os informes que emiten os técnicos do Ministerio de Fomento cambiaron dende que chegou o actual goberno e creo que esta afirmación é pouco coidadosa co traballo deses técnicos. Pediríalle nese aspecto que tivese un pouco de cautela porque probablemente o que teña ocurrido e que se lle deran á sociedade ourensá uns prazos, dende un suposto impulso político, que non estaban axustados á realidade. Iso é algo moi distinto ao que vostede trata de trasladar, que é unha suposta demora na execución dos contratos”.

Izquierdo tamén resaltaba que á autovía A-76 daráselle “todo o impulso do mundo para que non haxa paróns inxustificados, pero deixemos traballar aos técnicos con rigor e con todas as garantías de seguridade, e o prazo que lle dou, o de maio de 2019, repítolle, é o que figura no contrato que este goberno herdou do anterior executivo do PP”.

Artigos relacionados

Back to top button