EconomíaEconomíaÚltima hora

A firma valdeorresa Spedion presenta en Madrid TrailerBox PV, un localizador GPS de desenvolvemento propio que se nutre de enerxía solar

Participa no IX Congreso Nacional de Empresarios de Transporte en Cisternas (CETM) cun espazo expositor propio no que expón toda a súa proposta de valor orientada ao sector do transporte de mercadorías por estrada

 

Spedion España, firma de matriz alemá que opera desde A Rúa de Valdeorras para a Península Ibérica, presenta estes días no IX Congreso Nacional de Empresarios de Tranporte en Cisternas (CETM) a súa “completa proposta de valor orientada a mellorar a competitividade das empresas que xestionan frotas de transporte de mercadorías por estrada ou vehículos mixtos”, segundo esta compañía.

En concreto, Spedion España amosaba neste foro sectorial nacional un xeolocalizador de desenvolvemento propio, orientado a semirremolques, que se nutre de enerxía solar. Trátase de TrailerBox PV, un dispositivo que foi concibido e fabricado integramente nas instalacións da compañía en Valdeorras e que xa se está comercializando con éxito en toda Europa.

Este lanzamento evidencia a aposta que a compañía realiza pola innovación ofrecendo solucións de hardware e software, que permitan aos seus clientes operar de forma máis eficiente e fortalecer a súa competitividade. “Somos unha empresa en cuxo ADN se situou sempre o factor da innovación como unha premisa que implica dar pasos máis aló e adiantarnos ás necesidades dos nosos clientes, acompañándoos no seu camiño”, considera Beatriz García, directora executiva da firma desde o recinto feiral no que se celebra o congreso de CETM.

A pandemia como punto de inflexión

García sinala, ademais, que a pandemia de 2020 marcou un punto de inflexión na sociedade que pasou a percibir o sector do transporte de mercadoría por estrada como esencial posto que “grazas a el, ao esforzo dos nosos transportistas, a vida diaria non se detivo por completo e todos puidemos provernos daqueles produtos necesarios para que noso día a día continuase desenvolvéndose con relativa normalidade”.

Nese momento, ademais, “foron moitas as operadoras de transporte que tamén se deron conta da necesidade de dar pasos firmes para modernizar os seus procesos e procedementos de traballo a través da implantación de diferentes soluciones TIC que lles axudasen a fortalecerse”, engade García.
“É aí onde a nosa empresa pode axudarlles grazas ao noso amplo catálogo de solucións que permiten optimizar procesos mediante sistemas telemáticos, altamente personalizados e baseados nun meticuloso análise das necesidades e circunstancias concretas de cada cliente”, conclúe a directora executiva da firma para España e Portugal.

Conferencia de Emilio Durou

Ademais de presentar as súas solucións a potenciais clientes e desenvolver unha intensa axenda de prospección comercial no foro CETM, Spedion España esponsorizou un dos relatorios que se celebraron no recinto feiral, en concreto o pronunciado por Emilio Durou, consultor especializado en estratexia empresarial que abordou nunha intervención denominada Motivación e liderado as claves necesarias para xerar contornas de traballo nos que prime unha actitude mental positiva.

“En Spedion temos claro que as mensaxes que centran as intervencións de Emilio están en plena sintonía coa nosa filosofía”, argumenta Beatriz García. “É obvio que para lograr unha cultura da innovación nas empresas requírese tanto dunha gran motivación interna como dun liderado sólido, cuestións sobre as que Emilio Durou vertebrou a súa intervención e por ese motivo decidimos apoiar o seu relatorio”, conclúe.

Sobre Spedion

Spedion é unha empresa especializada no desenvolvemento de sistemas telemáticos de referencia en frotas de camións ou de vehículos mixtos de toda Europa. Na actualidade, ao redor de 500 clientes confían na xestión desta compañía, que se achega a 29.0000 vehículos equipados e supera os 330.000 roteiros mensuais en toda Europa.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button