Entre as actividades incluídas no programa do Entroido de verán, que se desenvolvía na pasada fin de semana en Trives, figuraba o xa habitual desfile de folións. Esta singular e sonora comitiva partía pasadas as seis da tarde dende a Finca da Barreira para encamiñarse cara a zona antiga da vila, onde concluía.
Entre os participantes non faltaban os folións triveses (entre eles o dos Labregos cos seus fermosos Boteiros), así como outros chegados doutras zonas do oriente ourensán como o dos Arrieiros de Petín. A iniciativa está promovida, un ano máis, por A Caniceira.
Así encetaban o desfile A Cañiceira (Trives), para despois irse incorporando o Folión de Sobrado; o dos Arrieros (Petín); As Maceiras (Trives); Os Viticultores (Vilamartín); A Lardeira (Piñeiro) e, finalmente, Os Labregos (Trives).
Fotos cedidas.





