
Luz e sombra. Son os “ingredientes primordias” das imaxes de Mercè Domínguez Sierra. Así pode comprobarse na exposición “Outros fotogramas”, que pode visitarse ata o mes de maio na taberna-sala de concertos a Arca da Noé, en Vilar de Santos.
“A afección pola fotografía transmitiuma o meu pai, con quen descubrín a luz vermella, os negativos, o cuarto escuro ou os diferentes papeis de positivado. Merqueime a miña primeira cámara e ampliadora pasados os 25 anos e fun aprendendo pola miña conta, queimando negativos, coa axuda dos libros e das exposicións, dos que son os meus referentes: Brassai, Robert Bresson, Imogen Cunningham, Álvarez Bravo ou Diane Arbus”, explica esta fotógrafa cuxa familia materna é valdeorresa.
Seguindo o exemplo destes autores, Domínguez Sierra foi captando momentos, situacións, xestos “que me chamaron a atención e que, coa miña obra, expoño de cando en cando para compartir coa mirada dos espectadores”. Acostuma usar a cor, “pero positivar as fotografías en branco e negro ten algo máxico para min, ese intre despois de usar os líquidos en que comeza a debuxarse a imaxe ante os meus ollos é moi especial”, asegura.
Ten series fotográficas en branco e negro de mulleres, outras cunha temática máis etnográfica. Apaixóalle saír a camiñar coa súa cámara “para poder captar eses detalles que te agardan nas rúas: un graffiti enxeñoso, unha cancela cuberta pola hedra… esas sorpresas que che dá a vida”.
Fotos: Mercè Domínguez Sierra.