A RúaConcellosÚltima hora

A Fundación Valdegodos di que “non houbo ningún caso positivo por Covid na residencia Os Pinos da Rúa”

Nun comunicado esta entidade asegura que ese dato "débese a un erro nas listaxes que emiten os organismos oficiais. O caso a que se refire a información corresponde a unha infección ocorrida fóra do centro"

Residencia Os Pinos da Rúa, que xestiona a Fundación Valdegodos./ Foto cedida.

 

Dende a Fundación Valdegodos vén de emitirse na mañá deste 24 de setembro un comunicado referente ao dato dun positivo na Residencia de maiores Os Pinos da Rúa, notificado onte por parte da Administración galega. “Ante as informacións aparecidas nalgúns medios de comunicación referentes á aparición dun positivo por Covid-19 na residencia Os Pinos da Rúa, a Fundación Valdegodos”, que xestiona dita residencia, asegura que “non houbo ningún caso positivo por Covid” nese centro de maiores.

A Fundación Valdegodos explica que “a información débese a un erro nas listaxes que emiten os organismos oficiais. O caso a que se refire a información corresponde a unha infección ocorrida fóra do centro. Trátase dunha persoa que ía ingresar na residencia e que estaba infectada, debido a un brote familiar na súa localidade de orixe. Os protocolos da Fundación, e sobre todo o traballo e a profesionalidade do persoal, permitiron detectar o caso positivo e evitar que pasase a convivir co resto dos residentes, co consecuente perigo”.

Ademais esta entidade explica que “todas as persoas que ingresan en residencias de maiores en Galicia, chegan aos centros despois de que se lles realice unha proba PCR nas 72 horas anteriores ao seu ingreso. Sendo unha medida moi acertada, sabemos que esta proba non cobre o caso de que a persoa se infecte nos días inmediatamente anteriores ao ingreso. Por este motivo, nos centros da Fundación Valdegodos os usuarios que ingresan non establecen contacto co resto dos residentes ata que se lles realizada unha segunda proba PCR 3 días despois da chegada ao centro. Durante este tempo, alóxanse en habitacións especialmente preparadas onde son atendidos por persoal equipado con todos os equipos de protección individual”.

Con relación ao positivo citado anteriormente, “a persoa afectada chegou á residencia de Os Pinos o pasado 10 de setembro e aloxouse nunha habitación de illamento á espera de realizar unha segunda proba de PCR. O día 16 de setembro recibiuse o resultado positivo e ese mesmo día a súa familia informou de que estaban infectados. Así pois, a persoa afectada chegou ao centro de Os Pinos xa infectada e foron as medidas de seguridade establecidas por esta Fundación as que permitiron evitar o contacto con outros residentes. É moi importante resaltar que as probas feitas a todo o persoal e usuarios deron negativo, o que demostra que as medidas de control foron eficaces. Despois de ter unha persoa infectada no centro durante 7 días, non houbo ningún contaxio. Na Fundación Valdegodos séguense estritos protocolos de seguridade co fin de preservar a saúde dos usuarios e o persoal”, aseguran.

Esta entidade tamén indica que xa se estableceu contacto “coas autoridades competentes para que enmienden o erro e retiren das listaxes o caso atribuído ao centro de Os Pinos e que, en realidade, corresponde a un brote familiar”.

Os protocolos da Fundación Valdegodos

Dende a Fundación Valdegodos tamén indica que nos centros xestionados por esta entidade séguense “estritos protocolos de seguridade co fin de preservar a saúde dos usuarios e o persoal. Todos os centros dividíronse en zonas de traballo nas que se atenden a un reducido número de residentes. Cada unha destas zonas conta con comedor propio, sala de estar e un grupo de traballadores específico. Cada un destes grupos de traballadores ten horarios de entrada e saída diferentes, e utilizan distintos vestiarios co fin de evitar contactos entre si”.

Ademais, sinalan que o persoal, conta “con todo tipo de equipos de protección de individual, que se empregan en todas as actividades dos centros. A propia Fundación encargou centos de probas de PCR a laboratorios privados para evitar calquera risco ante a aparición de síntomas entre traballadores ou residentes”.

A Fundación Valdegodos considera que todas estas medidas “permitiron que ata a data non tivésemos ningún caso de infección por Covid-19 en ningún centro da fundación. Con todo, estamos preparado para minimizar ao máximo as consecuencias se algún día chegada a suceder”.

Así mesmo, a fundación agradece “unha vez máis ao persoal de todos os seus centros o fantástico traballo que están a realizar, a súa entrega e profesionalidade á hora de levar a cabo os protocolos que se deseñaron para preservar a súa propia saúde e, en especial, a de todos os usuarios”.

Artigos relacionados

Back to top button