O venres 6 de outubro remataba na Área de Ourense, Verín e Valdeorras a primeira fase da campaña de vacinación de Gripe e Covid, unha vez visitadas polos equipos de vacinación as 162 residencias socio-sanitarias existentes, onde viven 6.175 persoas na nosa provincia, mil máis que na pasada campaña, nunha fase complexa polo alto volume de centros, residentes e a súa dispersión.
A campaña de vacinación Covid-Gripe é secuencial, precisamente para favorecer a priorización dos colectivos con maior risco. Así, tras rematar nos centros de maiores e de discapacidade, este luns, día 9 de outubro, comezará a inmunización a domicilio de persoas inmobilizadas e, en paralelo, a recaptación de residentes que non puideron recibir as vacinas, ou unha delas, por motivos de saúde ou ingreso hospitalario.
A coordinadora da campaña en Ourense, e subdirectora de enfermería da área de Atención Primaria, Josefa Rodríguez Araujo, estima que tras este período de recaptación en residencias a porcentaxe de vacinación neste colectivo en Ourense rondará o 90%, porcentaxe difícil de superar, tendo en conta que máis de 700 persoas presentan contraindicacións, derivadas das súas condicións de saúde.
Vacinación masiva dos maiores de 80
A vindeira fase da campaña, programada ata o 31 de decembro, por primera vez dentro da programación estacional, arrancará o día 16 de outubro, coa vacinación de maiores de 80 anos, colectivo que en Ourense ascende ata as 33.501 persoas.
Para facilitar este proceso, o persoal de enfermería de atención primaria administrará as vacinas fronte a gripe e a covid-19, ás persoas de 80 e máis anos, nas cabeceiras de comarca, en concreto nos centros de saúde de: Allariz, Bande, Carballiño, Castro Caldelas, Coles, Celanova, Maceda, A Pobra de Trives, Ribadavia, Viana do Bolo e Xinzo de Limia.
Ao igual que noutras campañas, os usuarios dos centros pertencentes aos servizos de Atención Primaria de Verín e O Barco de Valdeorras serán citados para recibir a vacina nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras.
Igualmente, para facilitar os accesos e a loxística das vacinas, centralizarase en Expourense á área con maior volume de poboación, é dicir aos usuarios e usuarias dos Servizos de Atención Primaria de Ourense: A Carballeira (que inclúe San Cibrán das Viñas, Ponte Noalla e A Valenzá) A Cuña-Mariñamansa, A Ponte, Novoa Santos-Couto e Valle Inclán (inclúe Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín)
A poboación diana da campaña non ten que pedir cita no seu centro de saúde, como era habitual noutras campañas de gripe, xa que todos os usuarios serán citadas directamente mediante unha mensaxe de texto, ou SMS, onde se lles axuntará o día e hora a que poden acodir.
A vacina fronte ao Covid-19 está adaptada ás cepas circulantes e non precisará de máis doses neste inverno. Igualmente, disponse con dous tipos de vacinas fronte á gripe. Unha tetravalente para toda a poboación menor de 80 anos, e outra de alta carga para as persoas de 80 e máis anos e para os usuarios das residencias.